Unha década

 

Acto organizado pola Porta Verde do Sétimo Andar no Bar Borrazás (A Coruña) no ano 2012

Esta noite, durante un momento de insomnio e ao tempo que daba voltas sobre a cama tentando conciliar o sono, tentei facer memoria de todo o acontecido na miña vida durante a  última década. Aínda que non resulten, a nível histórico, acontecementos ou feitos merecentes de encomio ou relevantes para a narración do transcendente tanto oficial como oficiosa, para min foron dunha importancia vital. E digo isto, non porque eses sucesos formasen parte da miña vida, senón porque, dalgún xeito, conseguiron darme a vida.


Fai algo máis de dez anos, de regreso a Lugo, despois dun periplo que me levou a residir en varias cidades e vilas galegas e, incluso, do estranxeiro, tiven a sorte de coincidir coas persoas que formaron parte do colectivo A PortaVerde do Sétimo Andar e con elas coordinar e dar forma aos Q de Vian Cadernos, unha iniciativa editorial que abriu as portas da edición a un número significativo de autores e autoras, deixando tras de si un ronsel de actos por toda a xeografía galega, Portugal e tamén da meseta peninsular. Pouco tempo despois, comezou a coller forma un proxecto persoal ao redor dunha obra que serviría de motivación para continuar pola senda iniciada cos Cadernos e a Porta Verde, Planh de Anne Marie Cazalis. Este libro, que abriu o selo O Figurante Edicións, comezou a xestarse trala aparición dun poema da autora francesa no Manual deSaint-Germain-dex-Prés de Boris Vian, La libertè. Ligado a este segundo selo naceu Emerxentes, unha reformulación de O Figurante para materializar proxectos de persoas menos coñecidas. Durante os anos que conviviron estas editoras, foron saíndo do prelo os meus libros, froito de premios, valoracións doutras editoras ou autoedicións. Neste último caso,  en resposta á necesidade de crear un xénero que integrase unha cantidade importante de elementos relacionados coa música, as subculturas e unha forma diferente de ver os súper heroes clásicos. Tratábase de ideas que carecían de interese para o mercado editorial e que, de non ser polas ferramentas de autoxestión, nunca verían a luz. Queda por ver se tería sido mellor que nunca tivesen abandonado a gabeta.

Finalizada a etapa das tres iniciativas anteriores, comecei a pensar en formas de optimizar os recursos coa idea de facer máis economicamente viable este tipo de iniciativas editoriais. Deste xeito, naceu M Editora, destinada á poesía. Continuando coas teimas precedentes, comezaría a perfilar a M Editora Pulp, unha sección da primeira destinada a perverter o pulp clásico nunha sorte de exilio do neopulp.

E aló vai unha década de proxectos falidos, dende o momento en que non lograron a autosuficiencia económica como un dos obxectivos a cumprir para que proporcionarlles continuidade, pero sempre interesantes que, na miña opinión, axudaron a mostrar unha parte pequena, aínda que significativa, da creatividade deste país alén do que se produce para o mercado.

Comentários