Os relatos de ciencia ficción adoitan centrarse en realidades distópicas sen ofrecer modelos alternativos factibles afastados desa distopía.Resulta especialmente complexo plasmar un sistema oposto ao actual e outorgarlle un valor dentro do real.Con todo, a existencia dunha alternativa á realidade distópica non significa que os individuos escollan masivamente esa opción.Esta historia relata como o desexo inflúe nas nosas escollas que, condicionadas por el, poden acabar por perxudicarnos, actuando en contra dos nosos propios intereses.
Durante o proceso de documentación para a escritura de 2024, comecei a trazar as liñas básicas dunha historia de ciencia ficción que ofrecera unha alternativa real ao modelo imperante. Esa alternativa debía, por forza, estar suxeita a unha escolla libre por parte dos individuos involucrados no relato.
De entre toda a bibliografía consultada, foron tres autorías as que máis influíron na construción da novela. Por unha parte, a obra de Mark Fisher (quen, á súa vez, reflexiona ao redor das visións de Jameson, Zizek, Baudrilliard, Deleuze e Guattari...), os libros de Rebeca Baceiredo (entre os que destaca como influencia indiscutible nesta novela Mueve tus labios en la plegaria) e un volume de Alicia Valdés, Política del Malestar. As tres autorías comparten moitas ideas que, dalgunha maneira, foron ficando prendidas na historia.
Entre todas as cuestións que se tratan en A sociedade dos coidados, atopamos a evasión do real e a creación do avatar, o transhumanismo, as relacións entre especies, a convivencia coa morte, os procesos de exclusión (ou exilio), a psicoloxía entendida como mecanismo de control e, como alicerce sobre o que descansa a narración, o desexo.
A maiores, sendo fiel á liña seguida xa noutros relatos, nesta novela xogo cos personaxes, introducindo persoas reais como, neste caso, Emmy Cordsen. Máis coñecida como Emmy Hennings foi a creadora, xunco con Hugo Ball, do Cabaret Voltaire no Munich de 1916.
Como xa é costume, este libro pode ser descargado de balde en formato pdf. ou, tamén, pódese adquirir un exemplar en papel.
Comentários