Coma quen non quere a cousa, chega o 2025, este abril que por fin remata. Había tempo que buscaba a maneira de rescatar un libro que, cando menos para min, foi importante. Con el comecei a perfilar o que dei en chamar micronovelas. Unha idea que se me ocorreu escoitando psychobilly, ese subxénero musical mestura do rock and roll e o punk, que non deixa de ser un rockabilly acelerado. As letras do grupo que deu nome ao estilo, The Meteors, malia que xa existira o psychobilly dende que aló polo ano 53 do pasado século Hasil Adkins percorrera os garitos co seu estilo 'feito na casa' tocando ao mesmo tempo a guitarra e a batería, serviron de acicate para que me dera por revisitar as novelas pulp, tentando reconvertir eses textos breves e de lectura rápida en altofalantes das miñas propias teimas. Como antecedente daquela novela iniciática, Vattene!, atopábase xa O alento da musa, aínda sen psichobilly. Foi aquela, Vattene!, publicada polo colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar nos seus Q de Vian Cadernos, a que iría dando sentido o concepto de micronovela, promovendo toda a evolución posterior.
Co tempo, veu a continuación do relato, materializado no ano 2015 na Triloxía Vattene!, hoxe revisitada.
Coido que nunca ninguén se parou a procurar a relación de Vattene! coa novela The time machine de Herbert George Wells e, máis concretamente, co filme do ano 1960. Coido que tampouco se lle buscou un vínculo cun relato anterior, Benvidos á noite americana, nin con obras como o Outono en Pekín de Boris Vian. Supoño que ese é o xeito co que hoxe en día se entende a literatura, como un artefacto de puro entretemento para esquecer. Bauman podería chamarlle literatura líquida.
Nas micronovelas atópanse algúns dos heroes clásicos máis icónicos, pero vistos dende unha perspectiva diferente, sempre afastados da perfección que os fixo célebres, convertidos en antiheroes, en seres cheos de medos e febles, case como describira Angélica Liddell a unha nova estirpe de homes na súa obra La casa de la fuerza.
Como non pode ser doutro xeito, deito os meus textos na rede, de balde, para todas aquelas persoas que se queiran achegar a eles. Pero, para esas xentes que prefiren o papel tamén proporciono a posibilidade de deleitarse co tacto da celulosa. Porque a arte non pertence a unha única persoa, senón ao entorno que rodea a autoría e, converténdose en universial, ao mundo todo.
Malia que toda esta traxectoria literaria pasou maiormente desapercibida, sempre me quedará a satisfacción de tentar simplificar o complicado e complicar o que resulta simple en apariencia.
Comentários