Raro

 


Raro

Alberte Momán

Belagua ediciones

ISBN: 978-84-126822-6-7

Cabería a posibilidade de considerar o presente volume como un libro de relatos. Dende esa perspectiva, non sería máis que a escolma inconexa de textos de diferente temática, extensión e época de creación. Eu prefiro ver cada relato como un tixolo pertencente a unha obra en constante construción. A creación dun estilo non nace con cada autoría no momento en que esta toma consciencia das súas pretensións. O estilo defínese co tempo e o traballo. No presente volume, para continuar co símil anterior, móstranse os tixolos da creación dun estilo. Pódese apreciar certa evolución na escrita, nas temáticas ou na lírica empregada, esa musicalidade que acompaña a lectura e que tamén evolucionou co paso dos anos.

Na composición do quebracabezas permitinme unha licencia. A orde de colocación dos textos non é cronolóxica. O título, Raro, non o permitía. Hai textos, máis distantes no tempo, para os que este título sería só unha protuberancia incipiente e non definitoria. A localización destes en particular, vén determinada pola necesidade de utilizar a súa lectura, para aquelas persoas que sigan a orde establecida, de remanso de paz entre as turbulencias do río. Porque este libro nútrese principalmente de sensacións, de escenas que provocan emocións ou que buscan facelo, antes do que contar unha historia. Os momentos da nosa existencia que permanecen, ou afloran en canto xorde a ocasión, son aqueles que foron fértiles en emocións. Este libro, se por algo ficará na memoria das persoas que o lean, será porque espertou, de entre todas as emocións que poderían abrollar, o horror do posible, do que nalgún momento foi real aínda que non necesariamente percibido como tal. Non é un libro feliz, pois transita os sumidoiros do que se prefire negar, da mácula, do que doe. Haberá quen prefira ler un libro que o evada, que o saque da latrina da súa vida diaria. Este volume sempre estará aí, agardando o seu momento, lembrando que o mundo dos paraísos artificiais non poderá, por si só, mudar o que manca. Este conxunto de relatos é, en definitiva, unha chamada á introspección, a análise dunha mesma, co fin de aliviar a carga da bagaxe que fomos acumulando sobre os ombreiros e que preferimos obviar. 



Comentários