Cando estaba no instituto tiven un profesor substituto, creo recordar que de física, ao que chamaban Gárgamel por un máis que razoable parecido con aquel dos Pitufos, teredes que desculpar que non recorde o nome real, que tiña por costume ir cara ao final da aula en canto nos poñía unha tarefa, sacar un zapato e apoiar o pé descalzo na parede. Por aquel efecto avestruz do que o que non se ve non existe, nós, que lle dabamos as costas, comezabamos a falar, primeiro polo baixo e despois nun ton a cada segundo máis alto. Até que dende o fondo se escoitaba un resignado “No vos preocupar”.
Isto foi o primeiro que pensei en canto comecei a escoitar as críticas a
Rosalía (cantante). Eu, que apenas escoitara aquel malamente, non entendía o
motivo polo que había todo aquel balbordo polo que se lle chama o motomami.
Eu ando sempre á procura de música e, entre as recomendacións dunha rede social,
apareceume o motomami de Rosalía. No momento pensei na interlingua, que
coñeceredes aquelas persoas que vistes Blade Runner (agora non lembro se tamén
se facía mención en Soñan os androides con ovellas eléctricas). Despois pensei
na cantidade de música lordenta que non recibe nin a metade de críticas que as que
esta rapaza recibe. Eu tiña presente a sorpresa que levara con Miley Cyrus, que
moitas de vós lembraredes polo vídeo promocional no que saía en roupa interior abalando
sobre unha bola de demolición, cando, fóra do seu contexto, vina cantar nun
directo con Dolly Parton. Deime conta de seguido, que aquela rapaza sabía
cantar e non só sabía facelo, senón que era capaz de adaptarse a unha grande
cantidade de rexistros. Con esta bagaxe, vin algunha entrevista a Rosalía, e
algunha outra cousa. Debo recoñecer, chegados a este punto, que o seu estilo
non me gusta e teño certas reticencias á hora de valorar positivamente o uso do
seu corpo como exaltación da xuventude e a hipersexualización da muller, aínda
que atopei artigos, coido que no xornal El Diario, que daban unha visión
contraria, aducindo que realmente o que estaba facendo Rosalía era reivindicar
o desexo feminino, tan negado. Pode ser, o meu coñecemento sobre os textos da
autora son escasos. O que si descubrín, é que estamos a falar dunha cantante
coas cousas moi claras, moi sensata e capaz de recoñecer que a industria á que
aspirou dende moi nena, é capaz de engulir a calquera persoa, chuchando dela
todo o que é aproveitable até deixala sen nada máis que ofrecer. Eu non son quen
de asegurar que non me metería aí se a oferta fose o suficientemente xenerosa, ben
é certo que eu non teño as súas calidades como compositora e intérprete. Non vou
demostrar unha superioridade moral que, en todo caso, desprezo. Pero, si valoro
positivamente os actos conscientes e as actitudes decididas. Eu recoñezo en Rosalía
unha persoa cuns coñecementos musicais que superan con moito a media e sen medo
á experimentación. Coido que é importante lembrar que moitos dos grupos cos que
desfruto no meu tempo de lecer, en tempos, non superaban o uso de tres acordes
á guitarra.
Comentários