Res communis omnium

 



Houbo un tempo no que cría na idea de que a liberdade atopábase no poder dicir. Daba por suposto que ese dicir era correcto porque partía dunha ética persoal, a miña, en constante evolución cara ao respecto e o coñecemento. Tentaba expresar o que quería comunicar, sen asumir que non hai lectoras ideais e que, o que eu dicía, ía ser interpretado de múltiples formas distintas. Xurdiron, entón, dúas preocupacións determinantes. A primeira, a inexactitude das miñas palabras e, como segunda, o meu descoñecemento das disciplinas da linguaxe e o pensamento. A miña forma de escribir mudou debido a estes condicionantes. Lía para ter o control absoluto sobre os meus escritos, pero nunca foi suficiente. Entón, se o meu coñecemento non abonda para expresar a verdade que quero comunicar e se a miña linguaxe é claramente imprecisa, para que escribo? Cheguei á conclusión de que era só o ego o que me mantiña no campo das letras. Pacendo nesa mesma leira atopei outros moitos egos. Había certo pudor no contacto. A maiores, criábase unha distancia que, alén da competitividade propia dun ecosistema con recursos limitados, xeraba certa toxicidade nas relacións. Se eu prescindía do meu ego, da miña distancia interpersoal, aparecían ducias dispostos a cubrir o meu espazo, se eu delimitaba un territorio víame rodeado por un ermo, unha terra que ninguén se atrevía a frecuentar. Foron varios os períodos nos que decidín desaparecer. Ese tempo era seguido de regresos fugaces e, cada vez, menos intensos. Co tempo, fun acumulando unha grande frustración. Rexeitaba os meus textos por faltos de contido e exactitude, apreciaba en moitos outros todo o que eu nunca sería quen de dicir, pero seguín facéndoos públicos, buscando unha resposta que me axudase a comprender onde estaba o erro. Non cheguei a ningunha conclusión e fáltanme os azos para seguir buscándoa. É por iso que decidín preparar un derradeiro proxecto. Unha edición limitada a 50 exemplares numerados e asinados, a modo de despedida. Agardo poder mostrar o resultado nos próximos días. Dese modo, quen quixer, poderá dispoñer dun artefacto case único, no que o valor real ou de uso se vexa desprazado por un valor simbólico co que sucumbo, definitivamente, ao mercado e á especulación.

Res communis omnium (Prema para adquirir)

Depósito Legal: LU 2-2022


Presentación editorial:

As liñas de fuga describen o camiño que nos dirixe cara ás grandes figuras de xeso que debemos admirar. Abandonar a senda, converterse nunha proscrita, é recuperar a individualización atenazada polo medo á liberdade descrito por Erich Fromm. Iníciase, con estas páxinas, unha viaxe cara a incomodidade dun percorrido necesario.


Comentários