O Ministro Garzón ten razón?

 


Vou pasar de falar da pugna política que fixo que Garzón, Ministro de Consumo, aparecese en todos os medios. É evidente que ao psoe e ao pp o agro, alén dos lobbies pertinentes, impórtalles ben pouco. A alianza bipartidista, pp/psoe, vai tender sempre á ‘normalidade’ das cousas: dous partidos da dereita económica (un libreral e outro conservador) alternándose no poder. Eses dous partidos utilizan as súas armas sociais, neste caso sindicatos agrarios, para restaurar o réxime que tan ben lles funcionou dende a restauración borbónica.

Hai cousas que Garzón non fala no seu discurso ao redor da produción de carne sostible. Fala de dous modelos contrapostos, extensivo e intensivo. Cando trata o intensivo, centra o seu discurso nas macrogranxas cuxa prohibición foi un grande logro. Pero, debemos recordar que hai moito intensivo, a menor escala, nas producións gandeiras (leite/carne), de xestión familiar, que poderían ter formado parte do discurso desa fracción ‘non sostible’ á que o Ministro se refire, e que quedan no limbo das alusións. Porque si, hai lobbies de empresas grandes que definen un modelo concreto e hai tamén explotacións gandeiras intensivas que contaminan auga e aire (para o da contaminación da terra, habería que afinar moito máis). Hai aspectos que o señor Garzón debería ter definido algo mellor no seu discurso, a comparación extensivo/ecolóxico ou sostible. Habería que afinar tamén moito para establecer comparacións deste tipo. Cada explotación é un mundo, dende logo, non todas as que están en extensivo son, ou teñen o selo, de ecolóxicas e non poderían formar parte de dita catalogación, segundo a normativa actual.

Estou dacordo, sen matices, en que a produción de alimentos debe ser o máis respectuosa posible co medio, dentro das posibilidades do que se pode dar en chamar un ecosistema agrario. Defendo a postura normativa da Agricultura Ecolóxica, e fíxense que non utilizo en ningún momento o concepto de Agroecoloxía (Coidado con isto que non son a mesma cousa. Místicos, por favor, póñanseme do outro lado). Posiblemente eu sería moito máis restritivo en canto ao marco normativo, para eliminar incongruencias como a de que se podan comercializar en calquera parte do mundo produtos agrarios ecolóxicos sen importar a procedencia. Porque a Agricultura Ecolóxica debe ser coherente á hora de calcular e pegada de carbono. Non me sexan como o Ministerio de Transición Ecolóxica que, na súa teima por plantar árbores, está considerando como proxectos de compensación da pegada de carbono a plantación masiva de eucaliptos na Galiza.  

Outro aspecto importante que o señor Garzón omite no seu discurso, vai relacionado cos parámetros de calidade. El fala da calidade como se este se vise afectado polo modelo de explotación. Como podemos observar no propio regulamento que define as indicacións de Ternera Gallega, non se limita a participación nestas indicacións á explotacións en extensivo. De feito: Nos  sistemas de produción semiextensivos e extensivos orientados á produción cárnica de Ternera Gallega Suprema será necesario realizar un acabado dos animais, durante un período mínimo de dous meses, no cal recoméndase o estabulado (ORDE do 23 de xuño do 2017 pola que se aproba oRegulamento das indicacións xeográficas protexidas Ternera Gallega e Vaca e Boide Galicia). A presente orde limítase a falar de usos e costumes tradicionais de Galicia, o que pode significar calquera cousa. Por outra banda, fala de cortes con espazo suficiente para que os animais realicen as súas necesidades fisiolóxicas, o que non é, en absoluto extensivo. Polo tanto, de que fala o Ministro cando fala de mellor ou peor calidade dun ou doutro modelo? Coido que, no caso de que Garzón quixese realizar unhas declaracións rigorosas, debería ter en conta estas cousas á hora de falar de conceptos que non ten moi claros.

Outro aspecto do que fala é da exportación. Falar da produción e comercialización de produtos agrogandeiros e non falar de modelo económico é case un absurdo, dende o meu punto de vista. É importante redefinir os criterios de calidade para que nesta o respecto polo medio sexa un parámetro a considerar. Pero, ao mesmo tempo, as producións en extensivo, se van ligadas a unha redución de produción (digo isto como hipótese posible) e, polo tanto, un aumento do prezo final do produto, será preciso valorar a repercusión social. A produción de produtos agro gandeiros de baixo prezo, sempre dende o meu punto de vista, enmascarou unha realidade socioeconómica máis que preocupante. Debemos ter en conta que sobre o 20% da poboación galega considérase que está por debaixo do limiar de pobreza. Non podemos aumentar os prezos da alimentación sen modificar a realidade económica. Temos que considerar situacións como a da subida xeral do prezo do millo hai agora unha década, na que unha parte da poboación, principalmente en latinoamérica, con grande dependencia deste cereal, tivo problemas severos de desnutrición e incluso houbo mortes por inanición. E en relación ás exportacións. Outro aspecto importante relacionado ao que se refire o Ministro cando fala de producións sostibles, debemos pensar un modelo de comercialización que sexa, tamén, sostible. Non só hai que saber producir, senón saber para quen producimos e o impacto que a distribución vai ter no medio. Eu entendo que o modelo respectuoso de produción de alimentos debe ir ligado cunha comercialización respectuosa, e para iso cómpre ir en contra do libre comercio.

Con isto, o que pretendo dicir, é que é imposible facer declaracións como as de Garzón, sen definir unha política global a partir da realidade existente. Aínda que a loita contra as macrogranxas sexa unha vitoria, cando menos temporal, fácil de vender, non é o centro do problema. Con isto, non quero defender a postura dos sindicatos agrarios que saíron nos medios con comentarios pobres e cunha intención moi distinta á que proclamaban, pero si solicito dun Ministro do estado un mínimo de rigor e coñecemento para que as súas intervención non se limiten a vender unha loita parcial como un todo, sen saber sequera ao que se enfronta ou, directamente, obviando a realidade subxacente. 

Comentários