BIG NORTHWEST (Relato)

 
















"A experiencia condénsase apenas na mácula. Non hai postal que resuma a esencia do camiño. Este é un estigma que se imbrica cos tecidos máis leves do subconsciente, para agromar en calquera alocución como unha sentencia, de forma que xa é só o camiño quen fala. Esta abdución, este dominio do propio ser condiciona a vontade, obrigándoa a retomar novamente a senda, unha e outra vez, como solución ou saída a calquera circunstancia. O andar é un cárcere sen límites, un claustro que mira sempre cara ao horizonte."

A calor quentaba o piche da estrada que se acumulaba nas marxes, e o paso das botas sobre el demoraba o avance.  Para abrazar o camiño é preciso familiarizarse coa renuncia. Este non é unha simple sucesión de fotogramas, trátase, principalmente, dunha comuñón entre o corpo e a mente. Un estado precario para o que resulta necesario desprenderse do superfluo, ben sexa material ou inmaterial. A herba alta das beiras botábame cara ao carril dereito. O refacho de vento de cada coche que pasaba moi perto ao meu carón devolvíame ao meu lugar na beiravía, despois de atraerme irremisiblemente nun xogo que me facía abalar, sen o preceptivo dominio de min mesmo, como un bambán. Máis tarde, a terra en suspensión acumulábase en cada físgoa do meu corpo, conspirando contra a sede e alentándome para estender as exiguas reservas de auga sobre a pel ardente. ― A experiencia condénsase apenas na mácula. Non hai postal que resuma a esencia do camiño. Este é un estigma que se imbrica cos tecidos máis leves do subconsciente, para agromar en calquera alocución como unha sentencia, de forma que xa é só o camiño quen fala. Esta abdución, este dominio do propio ser condiciona a vontade, obrigándoa a retomar novamente a senda, unha e outra vez, como solución ou saída a calquera circunstancia. O andar é un cárcere sen límites, un claustro que mira sempre cara ao horizonte. ― Castroverde, ao lonxe, era aínda apenas un espellismo, unha illa no medio do océano, un oasis no que o ocre desértico cobraba outros matices. Despois, as montañas, pero o soño era apenas o descanso á raxeira, segundo o sol se ocultaba ás costas do camiño, sobre unha pedra na fachada de calquera predio, ao tempo que a brisa sobre as formas magoadas anunciaba a chegada da noite. Pero antes, apreciar como o asfalto se nubraba, desaparecendo, a poucos pasos por diante do camiñante, perder a concentración polo efecto da suor penetrando nos recunchos máis sensibles das mucosas e as extremidades, vítimas da inercia do movemento, incapaces de contradicir o sentido da marcha. O macuto, sobre os ombreiros, perforando até a clavícula, retiña os fluídos excretados por cada poro, anexionando os tecidos á carne nunha amálgama inseparable. Á man esquerda unha sombra, do outro lado da senda, perigosa como unha corrente de auga que arrastraba os elementos que procuraban decantarse para xacer nas profundidades. Condicionar o movemento para responder a unha mudanza de rumbo. Apreciar o alento das pólas en movemento chamando polo repouso do corpo. Os azos afastábanme do destino. Enxergar as paredes dun cuberto. Sentir na pel a friaxe húmida das paredes, coa carriza termando dela sobre cada pedra. Estender os brazos e ver como o desexo fuxía das xemas. As extremidades que non daban resposta. A carga volveuse lousa e instaba ao corpo a devolvela á terra de onde saíu. Velaí que aquel se dobrou sobre si mesmo sen superar a fronteira do río, como linde insuperable, que se volveu asfalto na caída. Dor e descanso. ― O camiño fala só do camiño. Nel repousan todos os corpos que, nalgún momento, foron chamados a iniciar a marcha.

Comentários