Terra de Ninguén e Terra Queimada

 

“Veño de definir as fronteiras do meu corpo. Veño de marcar a liña que nunca ninguén deberá sobrepasar. Esta botella e máis eu formamos parte do mesmo corpo. Nunca se che ocorrería beber dela sen o meu consentimento”. Con este excerto, comeza Tensi Gesteira, Lecturafilia, a falar de Terra nulllius (M Editora. 2020).


Despois deste primeiro ano de vida, é hora de repasar o acontecido cun libro nado durante a pandemia.

Alberte Momán argallou unha novela breve na que a súa protagonista, coma se fose un destes territorios sen dono, defende a súa propia liberdade e reclama a súa condición de terra sen conquistar, se se me permite a expresión. ManriqueFernández describe desta forma un dos un dos piares sobre os que se vertebra a novela. E deste outro xeito, Xosé Manuel Eyré achega o segundo dos piares nos que se fundamenta o peso da narración: Porén, e aínda as personaxes comportándose con amabilidade unhas con outras, iso non abonda para que non sexan vítimas da violencia estrutural que paira sobre tod@s todos os días. Pode exemplificar isto moi ben a situación laboral da protagonista, nunha idade na cal os movementos na empresa na que traballa van supoñer que teña que aceptar solucións laborais por debaixo da cualificación que realmente ela posúe.

E para condensar esas ideas básicas, constrúese un contexto pesado, duro, como apunta Tensi: Alberte Momán consegue evocar moi ben esa sensación de desasosego, de claustrofobia nalgúns casos, nunha historia que, como xa dixen antes, se le rápido pero dixire moi lentamente. E sinceramente, esa profundidade é a que diferencia sempre un bo libro, porque a literatura, tamén, debe facernos pensar e cuestionarnos o estado de cousas que habitamos. Ao que ben se poderían engadir as palabras de Eyré afirmando:  Porque a vida é así. Ou polo menos a vida que nos toca vivir aos occidentais burgueses, como moeda de cambio dun capitalismo atroz fóra do cal xa parece que non somos quen de vivir. Lémbrese ese concepto do “estado de benestar”, que semella un obxectivo irrenunciábel e humano ( lonxe do cal viven as personaxes desta novela breve) e que, porén, non é máis que a institucionalización mental do capitalismo como única opción posíbel.



E porque a vida humana, no actual sistema capitalista, vén representada en formato pequeno, consumo rápido e reducido valor Tensi resalta: Sorpréndeme a nova novela de Alberte Momán, tanto polo formato como polo contido. Como el mesmo explica nun pequeno vídeo de presentación, o que pretende con ela é render unha homenaxe ao formato ‘pulp’, de noveliñas curtas e rápidas.

Manrique, pola súa parte, remata dicindo: Finalmente, cabe salientar que boa parte da extensa produción literaria de Momán está dedicada á lírica e iso, como en tantísimos outros casos, semella levar implícito un considerable dominio da palabra ata atopar a precisión requerida en cada intre, elemento este que marca a súa produción narrativa. Tal condición, xunto coa acción continua, fan de «Terra nullius» unha lectura moito máis doada e áxil do que aparentan os extensísimos parágrafos. Mais é no trasfondo de cada frase e de cada idea onde o autor deposita a semente que agromará en nós segundo avanzamos entre as súas páxinas.


Pódese descargar o libro de balde premendo no título Terra Nullius.


Comentários