Ciencia ficción en galego e de balde

Calquera sistema literario debe basearse na diversidade para manterse vivo. Na defensa desa máxima e coa firme determinación de contribuír á existencia dunha literatura galega accesible, vén de poñerse a libre descarga o meu último libro de narrativa. Ciencia ficción ambientada nun futuro non moi afastado e nunha Terra ao borde do colapso. A supervivencia da  especie depende da apertura dun novo planeta de acollida e das mudanzas precisas para reducir as diferenzas sociais. Ese desexo de transformación vese obstaculizado pola reacción dos poderes económicos, que artellan estratexias de desorde social para depor as novas estruturas que buscan o cambio. Todo isto, inserido nunha trama vibrante de traizóns e viaxes interplanetarias.



Autor: Alberte Momán Noval

Edita: M Editora Pulp.

ISBN: 978-84-09-29895-2

Páxinas: 88

A Terra está ao borde dun colapso medioambiental. As colonias de K2-18b, a 110 anos luz, son xa unha realidade consolidada. Un retraso na evacuación total da Terra, que se produce ao mesmo tempo que un cambio social no novo planeta de acollida, evidencia as diferencias sociais que o novo goberno pretende erradicar. As vellas estruturas de poder, económicas e sociais, reaccionan activando os seus recursos en contra de calquera mudanza do statu quo.  É posible que dúas formas antagónicas de entender a sociedade coexistan?

Non é fácil achegarse a esta novela e non establecer certos paralelismos coa situación política actual no estado español. As estruturas de poder utilizando os medios ao seu alcance para paralizar calquera tipo de reforma enfocada a reducir as diferenzas sociais. Neste caso, un grupo de mulleres intentarán conformar un goberno, procurando superar as dificultades que as forzas reaccionarias interpoñen no seu camiño.   

Comentários