Kicks Books e a literatura do empalamento.

 


Un día descubrín que escribir non tiña nada que ver co empalamento. Supoño que hai quen escribe agardando que algún día lle dean algún tipo de galardón ou mención. Están as figuras que aspiran ao Nobel, no localismo galicien entendo que o equivalente sería ter quen defenda a candidatura para as letras galegas (para isto cómpre ter unha organización, de índole relixiosa, que alimente, espiritualmente, aos acólitos. Non é preciso escaravellar alén da tona para atopar algunha destas seitas), e as que procuran outros galardóns menos recoñecidos. Poucas persoas son capaces de dicir escribo esta merda porque é a que se vende (ou é vendible, para o que é preciso alimentar a moral apropiada, o que adoita ser a maioritaria. Durante moitos anos, na Galiza, houbo quen se atreveu a defender a postura moral de consumir galego. Durou o que dura unha ollada rápida de conxunto ou o que se tarda en facer unha breve análise do que se le e o que se escribe), sobre todo aquelas que pretenden un estipendio suficiente que lles permita chegar a fin de mes. Todas as categorías que desexemos establecer teñen o nexo común do ego. Habelo haino. Non debemos mortificarnos por exhibilo con estilo e distinción, a alegría do pobre dura pouco. E neste sentido os premios serven, tamén, para ir definindo un estilo, estético, que defender polo mundo adiante. Eu debo recoñecer que, en momentos delicados da miña economía persoal, algúns galardóns axudáronme a saír adiante facendo tres comidas ao día. Co tempo, grazas aos premios, puiden sacar algún dos libros do catálogo das editoras nas que me involucrei. Non me vou poñer un cilicio por asumir as esixencias do mercado do que resulta aceptable. Pero, hai un premio que non me chegou, nin chegará. Non vai de suecos nin de necrofilia, pode que sexa máis sórdido e moito menos desexado, pero a min poríame os pelos de punta. Sería caralludo ver un dos meus títulos entre os volumes editados por Kicks Books de Miriam Linna. Aceptarei perderme como bágoas na choiva. Porque tan importante como saber escribir, cousa que vai amodo e non sempre se consegue, é saber que o desexo é dor.

Comentários