Atrapadores de po


Para esta entrada no blogue fágome acompañar da música de Ingrid Michaelson, Little Romance, porque considero que vai coa temática. 

Acabou nas miñas mans un agasallo de nadal doutra persoa, prestado obviamente. Toda unha sorpresa cando me dixeron que consideraban que me gustaría. Entendín que a eles non lles gustara, pero non quixeron confirmar as miñas sospeitas.

Pasaron moitos anos dende que Samantha Jones (Kim Cattrall) asolagara as pantallas de televisión, desbordante de atractivo. Unha presenza que foi deixando pegada en sucesivas producións, precedidas das obras literarias que lles serviron de inspiración, por suposto. Como non son seguidor habitual, carezo de máis referentes ao respecto deste segmento de ocio literario e/ou audiovisual. Se cadra, o máis recente é a serie da británica, o que se aprecia de principio a fin e non só polas localizacións, Phoebe Waller-Bridge, Fleabag. O que se fai patente é que, dentro da conservadora política literaria e fílmica do mercado internacional anglosaxón, por non aseverar de todo o mercado ligado a estas dúas industrias, e paralelamente ao desenvolvemento dunha sorte de "feminismo" capitalista, ou debido a esa corrente, para absorber debidamente unha crecente e manifesta procura das mulleres dunha xusta e reivindicable necesidade de recuperar un espazo de seu, unha emancipación real fronte ás fronteiras que lles son impostas, a creación de personaxes femininos de vida desordenada, desorientados fronte a súa existencia con respecto ao resto da sociedade, marcados por experiencias traumáticas en diferente grao, converteuse nun recurso extraordinariamente lucrativo. Para as protagonistas destas historias a dor é real, común, por outra parte, á do resto da sociedade. Historias lixeiras, centradas no sufrimento, nas que nunca se trata de atallar as causas últimas deste, xa que, poderían relacionarse co propio conservadorismo capitalista das que son herdeiras, co patriarcado como fondo que se oculta por tras da frívola decadencia da sociedade individualista.

Chego, deste modo, a Atrapadores de Polvo, o libro da checa Lucie Faulerová, que se adapta á perfección a esta fórmula narrativa, case unha calcomanía daquela proxectada por Waller-Bridge. Descoñezo cal foi primeiro. Arribo coa idea de concordar coa dor do illamento, da soidade levada ao extremo, pola necesidade enfermiza de evadirse do concepto de familia burguesa. Asumo os traumas que se transmiten para poder seguir a historia, empatizando, dentro das miñas posibilidades. Resúltame difícil ter unha visión crítica cando a subxectivación pon de manifesto a importancia da compaña e dos coidados. O dardo certeiro do subxectivismo, aínda que, en resumo, diso se trata, a afectación extrema do sensible que se abre ao mundo para anular todo o demais. 

Comentários