De vacas simbólicas e surreais

 


En parte, por deformación profesional e, en parte, por tratarse dun elemento simbólico dentro do que se podería considerar a identidade nacional, as vacas ocupan un lugar principal nun número significativo dos meus relatos ou micro novelas. Se non lembro mal, no conto que fora accésit do Certame de relato curto de Curtis, aló polo 2005, Benvidosá noite americana, o esqueleto da vaca que guiaba, dalgunha forma, ao Tatlin (clase traballadora) na súa peregrinación de Xinzo a Celanova, simbolizaba a memoria daquela parte do rural que vivira a posguerra e, consecuentemente, a fame. Pasado o tempo, no ano 2012, trala publicación de Vattene! nos Q de Vian Cadernos que editaba A Porta Verde do Sétimo Andar, viría a segunda experiencia rumiante, da man dunha vaca que cedía a súa pel e as súas armas, un kalansnikov, a un protagonista que tiña da súa man comezar a transformación social. Poderíase dicir que a revolución neste país debería vir do ámbito bovino, contradicindo a Marx e, posteriormente, á escola de Frankfurt con Marcuse como expoñente máis visible, aínda que iso supoña certas contradicións. A máis recente achega prodúcese co relato finalista dos Contos de Verán na convocatoria do 2019, que organiza El Porgreso, O regreso de Lauraine Maccow, a miña primeira aproximación ao western, no que a protagonista, unha vaca, atenta contra o restaurante Foster’s Hollywood instalado no vagón dun tren de liña regular. Este acto servía de vinganza á protagonista pola morte de inumerables compatriotas.

Vinculada a este animal atópase sempre, dun xeito ou doutro, a clase traballadora, outra constante nos meus relatos máis surreais, que procuran aproximarse, dalgunha forma, a certa poesía de André Bretón.  O antagonismo á este símbolo tan característico da Galiza, viría da cascuda, no libro editado por Chiado no 2018, Barata minha barata. Este insecto convírtese nun depredador, ademais da súa faceta habitual como detritívoro, representando a especulación e á crise social e ambiental. Como curiosidade, nun dos relatos do libro titulado Ocidente, publicado no 2015 por Círculo Rojo, concretamente en Não há ninguém perto de si, aparece a figura da balea branca, sen dúbida facendo referencia a Moby Dick de Herman Melville, aínda que neste caso para representar a memoria, como animal lonxevo, que rouba ás persoas que se cruzan no seu camiño.

O surrealismo e o simbolismo permitíronme sempre introducir a estes animais como figuras que transcenden á súa propia realidade para axudarme a describir a miña visión particular da máis crúa actualidade.

Comentários