A creación literaria alén do Covid-19

 


Dende moito antes de que o virus paralizase a vida cultural, posiblemente dende sempre, o mundo da escrita adoece dos apoios precisos para que autoras e autores podan vivir dignamente desta actividade. Non pretendo facer unha diagnose pormenorizada da situación do sector, estou certo de que non son a persoa adecuada, pero si podo afirmar, porque eu mesmo formo parte de todo ese espectro de persoas que conforman o mundo da edición, que detrás de cada autor e autora, detrás de cada libro que se publica, mesmo detrás de cada acto que se programa, hai un número importante de persoas que viven do traballo de creadoras e creadores. Mesmo por tras dun modesto selo, como é a M Editora, son varias as persoas que se ocupan das diferentes tarefas precisas para que o proxecto se manteña, un deseñador para as capas e o interior e unha empresa que imprime os exemplares, alén das persoas que, detrás dun mostrador, comercializan exemplar a exemplar. Este pequeno relato non é froito dunha crise persoal provocada por unha fonda descomposición social como no filme Network, non vos vou pedir que saiades á fiestra e berredes que non estades dispostos a seguir aturándoo, pero si vou solicitar de vós unha reflexión ao respecto. Non se trata de saír á rúa para irromper violentamente na vosa librería de referencia. Hai moitas formas de apoiar a creación literaria e non sempre se manifesta a través do consumo. É importante, na miña opinión, non mesturar cultura e mercado, porque nunca, e suliño esa negación, formaron unha boa parella. A cultura pode estar, e está de feito, nas bibliotecas públicas, que teñen ademais un servizo de desideratas, como me suxire indicar a miña faceta de editor. A utilización masiva desas entidades pode servir para fortalecer os servizos públicos que prestan e así incentivar a presenza de creadores e creadoras nelas. O apoio á cultura maniféstase tamén na asistencia a todo tipo de actividades en establecementos públicos e privados, pero tamén nos centros de ensino, tan necesitados de reforzo e implicación institucional. Ese dinamismo que se xera ao redor da creación literaria, aínda que todas e todos sabemos que non só, incentiva a aparición de todo tipo de postos traballo e fomenta que cada vez máis xente poda vivir ligada a unha actividade tan necesaria.

Comentários