La Colomina 36

Ediciones Trabe de Uvieu é a encargada de publicar os Premios Asturias Joven de Narativa. Hoxe achégome ao libro vencedor deste certame no ano 2019, La colomina 36 de Nicolás Bardio. Esta novela breve, de apenas noventa páxinas, está ambientada nunha colomina, unha colonia mineira, de Mieres, capital de república asturiana no ano 1970, integrada na Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS) despois do alzamento popular protagonizado polos mineiros no 1934, co que conseguiron a independencia de Asturias e a formación dun estado comunista. Nesta historia, Fabián, licenciado da Academia do KGB, obtén o seu primeiro destino nesta colonia. O seu papel como informador na procura de accións ou actitudes antisoviéticas entre a veciñanza, lévao a estar sometido a grande presión, así como unha soidade que conspira contra el mesmo, facéndolle dubidar até das súas propias capacidades. Inmerso nesas tribulacións, en parte provocadas, deberá solucionar un caso loitando mesmo contra a indiferenza da propia Central da KGB.
Nicolás Bardio, licenciado en Ciencias Políticas e máster en Información e Comunicación con especialidade en Xornalismo, aborda unha temática pouco frecuentada na península, ao crear, partindo dun feito real, unha ficción a contra corrente dentro das dinámicas que se seguen no tratamento dos antecedentes á Guera Civil española e do propio conflito. Mais, será xusto este feito o que chame a atención, nun primeiro momento, sobre a obra. Outro aspecto a ter en conta sobre o libro, segundo se avanza na lectura, e que lle outorga outro matiz interesante, é a ausencia de idealización do contexto novo e diferente ao actual que se experimenta na narración. Tratase, por tanto e dende o meu punto de vista, dunha ucronía hiperrealista, fundamentada no coñecemento que o autor semella ter da realidade da Unión Soviética. Entre os aspectos cómicos, temos a continuidade da loita indentitaria dos universitarios que se consideran soviéticos pero non rusos, creando unha rivalidade divertida, ao tempo que perseguida polos poderes estatais. 
As persoas amantes da literatura de espionaxe, especialmente de novelas referidas a ese tempo e ese contexto, na liña de Semionov, atoparán aquí unha ficción máis que interesante, tamén porque se abre unha senda que pode dar novos e suculentos froitos nun futuro.
Esta novela serviu, ademais, de base para un xogo de rol, Depués d’ochobre.

Comentários