
Son moitas as ocasións nas que din en falar da que é para min a Literatura Necesaria, pero nunca dou en comezar polo principio, necesaria para quen? Ben, necesaria, en primeiro lugar, para o propio autor ou autora, que busca expresar, valéndose da ficción, as súas máis ocultas inquietudes, ou un período da súa propia existencia que é preciso que saia á luz. Nesta novela acontece todo iso, na miña opinión. Dende o comezo, é que Rosa nos vai dando as claves do que debería ser a súa propia historia. O feito de que Rosa (Asor) sexa o nome da protagonista é un signo indiscutible deste feito. Pero haberá máis. A historia de Rosa, deixa paso ás súas opinións persoais acerca do mundo que nos rodea, moi marcadas no texto, e que, en ocasións, resultan un chisco moralizantes, pero que dan consistencia ao libro, no sentido de que o van facendo máis próximo e familiar. O desacougo de ter algo que dicir e non saber como botalo fóra, disípase entre as páxinas desta novela.
Pero é necesaria tamén para o lector ou a lectora, que pode sentirse identificado en partes da historia real oculta baixo o manto da ficción. Lectores e lectoras vítimas das mesmas inquietudes e das mesmas dificultades para exteriorizalas.
Necesaria, para un sistema literario que debe abranguer todos os eidos, os formatos, os temas que a literatura pode proporcionar. Necesaria para unha lingua minorizada que precisa de lectores e lectoras, de resolver as súas necesidades, ocupando eses nichos menos explorados, e atraendo a curiosidade de quen, por razóns que non imos hoxe expoñer, non ten o costume de ler.
Necesaria, para o idioma, para a súa normalización dentro dunha sociedade que comumente confunde os valores realmente importantes, perdida en necesidades banais creadas por un sistema corrupto, tan só para fomentar a súa alienación.
Alén doutras consideracións, podo catalogar este volume dentro do meu elenco de libros pertencentes a esa Literatura Necesaria, enmarcada no sistema literario galego.
Comentários