De Fisher á pornopoética

 

*Texto publicado nos números 52 e 53 da revista Inviable.


Falar de literatura e edición, considerando as miñas limitacións ao respecto destes temas, resúltame difícil porque son consciente da súa complexidade e afróntoo non sen certo rubor por que, ao fin, acabo considerando, inconscientemente, que facer unha crítica neste ámbito é como cargar, dalgún xeito, contra a lingua e literatura galegas.

Partindo das particularidades do noso país, pequeno e colonizado en todos os ámbitos, resulta doado comprender que o eido cultural de noso precise dun pulo constante para sobrevivir. Se a maiores pensamos en que o sistema no que nos desenvolvemos é hostil con toda expresión artística que non poda converter en plusvalía, a cousa complícase aínda máis. A conformación do capitalismo creativo, do que fala Fisher, convértese no único camiño viable para a creación artística en xeral e, nomeadamente, a literaria.

En base á miña experiencia, para mostrar de maneira sinxela que lonxe está a literatura galega de xerar, per se, unha plusvalía, vou ofrecer unhas cantas cifras ao respecto da edición que, por outra parte, evidencian a necesidade que viron as diferentes empresas do sector de buscar xeitos para sobrevivir á inexistencia dun mercado real do libro.

Cando se escribe de xeito amador adóitase pensar que as editoras son entes malvados que rexeitan orixinais desprezando, desta forma, ese anaco de artista que todos e todas levamos dentro. As editoras son empresas privadas que se moven única e exclusivamente pola plusvalía, como calquera outra empresa. A verdade é moito menos emocionante. Falando de números: dun libro que custa 16 € no mercado (imos prescindir do IVE para facilitar os cálculos) e é distribuído por unha empresa diferente á editora, o 50% do PVP sen IVE é para esta última que, á súa vez, ademais de así mesma nutre por medio doutra porcentaxe ás librarías. Na miña experiencia atopei distribuidoras que cobraban o 55% e, incluso, o 60% do valor do libro no mercado. Á editora, entre o deseño e a impresión, o libro pódelle saír por entre 2 e 3 €/ud. Vai depender de se a diagramación a realiza a propia editora ou pola contra subcontrata a alguén para facelo, se os libros contan ou non con lapelas, se o papel é de mellor ou peor calidade e unha longa enumeración de cuestións técnicas que obviarei por simplificar. Se contamos cunha distribución que se leva o 50%, de 16€/ud, quedan para a editora 8 €/ud brutos. Se consideramos un custe por unidade de 2€, poñéndonos no caso máis favorable, quédanlle 6€/ud de marxe bruta. Imaxinemos unha editora pequena que non ten capacidade para chegar aos centros de ensino, como principal mercado do libro galego. Ten 10 autorías en carteira, das cales, en 3 anos, cada unha vende 300 exemplares. 100 exemplares por ano, o que xa me parece moito para este país. Facendo contas, vemos que esa editora vende ao ano a cantidade de 1000 exemplares. Cuns ingresos brutos de 6 € por unidade, ao final do ano acaba cuns ingresos brutos de 6000€. Para poder sacar un salario modesto, digamos duns 30000 € brutos/ano, o que en neto é unha miseria, esta editora precisaría ter en carteira 5 veces máis autores, ou sexa, 50 autorías que venderan, como mínimo, 100 exemplares ao ano. Con isto non pretendo defender o inexistente ou condicionado sistema literario galego, nin vou defender ás editoras como empresas privadas. O único que pretendo é expresar en números os motivos polos que cada unha desas editoras busca as estratexias máis dispares para sobrevivir. O bestsellerismo ou a procura dun público adolescente obrigado a adquirir exemplares para os seus estudos, son algunhas desas ideas pensadas para aglutinar un maior número de clientes potenciais. Como en todos os casos nos que hai diñeiro de por medio, a cultura é irrelevante.

Por outra parte e ligado ao anterior, as persoas que queren, lexitimamente, desenvolver a actividade cultural como un recurso económico suficiente como para non depender doutros ingresos, precisan atopar fórmulas, máis ou menos imaxinativas, para poder satisfacer ese desexo.

Podemos comezar a disertación apelando a Marx, partindo do xeral cara ao particular, cando di que o escritor debe naturalmente gañar diñeiro para poder vivir e escribir, pero en ningún caso debe vivir para gañar diñeiro… O escritor non considera de ningunha maneira os seus traballos como medio. Son fins en si mesmos. Por outra banda, no manifesto asinado por Bretón e Trotski pódese ler: en materia de creación artística, importa esencialmente que a imaxinación escape a toda coacción. Marcuse, pola súa parte, fala de que a creación artística ten que ser un Grande Rexeitamento. Herdeiros do actual sistema e dominados polo que Mark Fisher chama o Realismo capitalista, que pode ser definido como a crenza de que non existe unha alternativa ao capitalismo, as sentenzas de Marx poden antollársenos inocentes de máis. Dentro do marco ideolóxico do Realismo capitalista, Fisher denuncia o que se consolidou como praxe máis habitual e que pode ser resumida en que, contextualizándoo aquí como única saída de creadores e creadoras, se o cambio sistémico nunca pode ocorrer, todo o que podemos facer é sacar o mellor proveito do capitalismo. O que el mesmo deu en chamar Capitalismo creativo.

Se consideramos como estratexias do sistema a concentración da demanda, a redución a espectáculo e a banalización de calquera expresión artística, convertendo esta nun obxecto de consumo rápido, fast art, podemos seguir os pasos das diferentes estratexias da produción literaria que se pretende meanstream, ou de moda, que tivo a súa concreción máis extrema no caso Milli Vanilli no ámbito musical. Falamos da fabricación artificial de figuras que alimentan o simulacro do éxito literario por medio de obras, libros fórmula, nas que a literatura perde a súa forma para dar paso a diálogos interminables compostos maioritariamente de frases feitas, simples, banais e profundamente infantilizadas. Na Galiza, concretamente, como vertente cun idioma minorizado, pouco coñecido e menos empregado, para poder vender libros no idioma de noso cómpre dialectalizar o máximo posible a lingua, empregando o léxico e as estruturas gramaticais máis semellantes ao do idioma dominante, para facilitar a comprensión do texto.

Para que isto funcione, para achegar esas obras ao público, é preciso a creación do simulacro das autorías en cuestión. Vidas hiperreais que nos mostran máis que unha persoa real a súa simulación, a pantasma visible en toda a estrutura de propaganda coa que pode contar unha casa editorial.

As autorías, no canto de participar de movementos artísticos e formar colectivos, pasan a un estadio de supervivencia hiperindividualista, concepto descontextualizado pero extraído de textos de Simon Reynolds, no que calquera recurso é axeitado para manterse a flote, o que significa, á súa vez, alimentar o simulacro: premios outorgados a dedo, todo tipo de aproximacións asépticas, ou intencionadamente exentas de calquera compoñente político, e de conivencia con autoridades e institucións con capacidade para financiar proxectos, aínda que estas mesmas entidades sexan as que, por outra banda, minan ou condicionan o desenvolvemento dunha actividade artística libre. En nome e ao redor dese simulacro articúlase o que considero pornopoética. Para dar sentido a este concepto direi que, fai apenas uns meses, a publicación periódica Glamour Spain sacaba unha reportaxe sobre un grupo de poetas do estado español. No contexto no que se prima o espectáculo fronte a calquera forma de expresión artística, a alimentación do simulacro das autorías faise por medio dun formato moi semellante ao das revistas de moda, deixando á poesía sen lugar. Naquel momento escribín: non lembro quen falaba de que os anos noventa foran os da creación dun sado soft, moralmente tolerable, para executivos con estrés. A presente década pode que sexa a da creación dun simulacro pornopoético para a intelectualización da superficialidade da imaxe poética. Non pretendo facer un xuízo de valor, simplemente paréceme que a poesía pasou de ser un fin a un medio para a creación desa imaxe pornopoética, moralmente aceptable. Que Glamour Spain se faga eco, de xeito completamente superficial, da actividade poética de poetas convertidas en obxectos nesa nova imaxe pornopoética coido que é unha mostra evidente da existencia dese proceso de transformación da poesía como fin a un medio disociado da creación artística ou como creación artística disociada da poesía por medio do simulacro pornopoético.

Vemos como o mercado, obviando a arte poética ao non poder sacar dela unha plusvalía, fagocita e converte en produtos de mercado ás súas creadoras que, impelidas polo desexo respectable de querer vivir do oficio da escrita, buscan sacar o maior proveito posible do capitalismo por medio do devandito simulacro.

Sen máis ánimo que o de achegar o meu punto de vista, percibo como a creación literaria vai derivando cara as fórmulas de éxito que son manifestadas por medio dese simulacro, provocando a auto censura de creadores e creadoras que ven nesas fórmulas o único camiño para dar visibilidade ao seu traballo.

Falar da escrita como oficio nas marxes de calquera sistema literario é complexo, pero o oficio da escrita, en xeral, pero máis no contexto dunha lingua minorizada, é asumir a existencia no bambán do inestable fío da precariedade, a mesma que somete a vida da clase traballadora a unha flexibilidade constante, sen horario ou lugar de traballo, consumindo a propia existencia ao tratarse da única ferramenta e sostén fronte á nada.

Comentários