Non marches nunca


Non marches nunca é un libro infantil publicado por Medulia editorial con fotografías de Alberto Castro Freire.

Ficha técnica:
ISBN: 9788412325478
Páxinas: 68

Presentación editorial:
Unha historia fantástica na que a súa protagonista, Uxía, atopa, por casualidade, o mellor agasallo polo seu aniversario. Estamos diante dun relato centrado no respecto pola diferenza, o amor pola diversidade en calquera das súas formas. Trátase dunha narración na que a fantasía e a realidade conviven sen confrontarse, permitindo que coexistan diferentes perspectivas para un mesmo acontecemento.




Comentario:

Achégase o aniversario de Uxía, o que evidencia as necesidades da nena de ter contacto no seu entorno familiar e de convivencia con outros nenos e outras nenas da súa idade. Os seus pais, Marco e André, buscan fórmulas para que a pequena se sinta cómoda nun entorno rural despoboado e carente dos servizos máis elementais, sen renunciar ao que, por outra parte, conforma un espazo natural con innúmeras posibilidades para o desenvolvemento educativo e emocional da crianza. Por outra parte, inclúese no texto a confrontación entre urbano e rural, xa que André é propietario dunha explotación de vacas de leite, ao tempo que Marco traballa na cidade, onde Uxía acode á escola, nunha asesoría fiscal. A maiores, antes de dar paso á historia fantástica que constitúe a esencia da narración, defínese a personalidade dos dous proxenitores, contrapoñendo o pragmatismo de Marco (urbano) e o seu gusto polo fútbol e que, a maiores, cos seus estudos superiores, é colocado, sen ser de forma intencionada, nunha posición elevada fronte a André (rural), sensible á música e ao coidado do entorno e os animais, que conta con formación secundaria. Este contraste é co que convive Uxía a diario e que enriquece a historia que virá, para falarnos de xanas e aparicións envoltas de sensibilidade e afecto. 

Recensións:

Tomás Rivera. Kindlegarten

Xosé Manuel Eyré. Ferradura en tránsito II





Comentários