As marxes contra as marxes das marxes



Onte lin un comentario de Eva Moreda sobre unha polémica xurdida ao redor dunha xornada sobre a literatura nas marxes. O primeiro que pensei foi se se trataba das marxes ou ben das marxes das marxes, porque, cando se fala de marxinalidade nun sector con pouca representación, esa reflexión non está de máis. Eva, nun momento da súa disertación, argumentaba en contra do que un alguén indeterminado podía entender como conspiracións, entendo que contra algún autor ou autora. Non me parei demasiado no texto de Eva, como tampouco me demorei na lectura doutro de Inma López Silva (Coido que foi na revista TemposNovos), sobre todo despois da súa afirmación ao redor da consagración de autores e autoras. Segundo Inma, é preciso consagrar ás e aos que venden máis exemplares, porque son os que teñen máis posibilidades de conseguir que esa consagración reciba a bendición papal. Entendo que Eva, no seu artigo, pretendía introducir algo de buon senso ao debate sobre o sistema literario, como entendo que Inma simplemente se deixou levar.

Cando comecei no meu actual traballo, un dos meus cometidos, cando xa me perfilaba como xefe comercial, era atopar nichos de mercado. Debía estudar a situación de partida, analizar as necesidades dos diferentes ámbitos e pensar en produtos que puidesen satisfacelas. Cando eu comecei, a empresa comercializaba dous produtos, hoxe temos sete ou oito e aínda vemos posibilidades para algún máis. Neste tempo atopei de todo, espazos comerciais con grande valor engadido que, malia ter un mercado moi reducido, permitían ter marxes de beneficio suficientes para crear un produto ad hoc. Pola contra, atopei nichos tan pequenos que non compensarían nunca o feito de ter que crear un produto para eles. Isto, lonxe de ser unha conspiración, responde simplemente a unha estratexia de mercado.

A principal dificultade que ten o meu traballo, tendo eu un perfil técnico, é que os produtos que se incorporan ao catálogo non só dean beneficios senón que respondan a parámetros de calidade e que realmente satisfagan as necesidades do sector sen simplemente esquilmar os seus recursos. Unha das miñas maiores satisfaccións é que todas as referencias do meu catálogo son tecnicamente aceptables. E digo isto porque o mercado, en calquera dos seus ámbitos, non é nin xusto, nin honesto.

O sistema editorial, a nível teórico, non se diferencia moito do ámbito agrario. Existen nichos de mercado que, economicamente, pagan a pena e outros que non. Non hai autores que sexan vítimas dunha conspiración, senón que as actitudes de autores/as e editoras responden simplemente a unha estratexia de mercado.

Unha editora que publica cinco libros ao ano que poden entrar nun dos principais nichos de mercado, o ensino medio, pode defender as súas cinco propostas co mesmo énfase e presentalas con cadansúa unidade didáctica ao profesorado pertinente, porque sabe que poden entrar no listado de entre dez ou quince títulos que un docente presenta aos seus alumnos para que deles escollan cinco ou seis como lectura obrigada ao longo do ano. Porén, unha editora que publica, poñamos por caso, cincuenta títulos que poden entrar nese mesmo nicho de mercado, sabe perfectamente que non poden defender ese número de propostas, porque non van entrar todos nas listaxes do profesorado. Aí é onde entra o editor, decidindo que libros van ter prioridade, sobre que libros se van editar unidades didácticas, sempre que proceda, etc. Unha vez tomada esa decisión, son os comerciais os que xogan un papel determinante.

O problema de ter poucos e moi reducidos nichos de mercado é que, un grande número de títulos buscan competir nun espazo moi pequeno. Autores e autoras pretenden que os seus libros non queden fóra das propostas. Iso trae consigo que se compita, non por quen realiza a aposta máis arriscada, senón pola corrección política, os valores morais imperantes, corolarios ben pensantes e un longo etcétera de consideracións que fan que un libro sexa apto para un sector en concreto. Neste punto, non pretendo definir o concepto de canon, e descoñezo se estes valores poden corresponderse con elementos que o compoñan.

O resultado final, e polo que moitos acabamos renunciando, como lectores, á literatura en galego, son libros infantilizados, demasiado incluso para adolescentes, con mensaxes tan evidentes que repugnan.

Nesta situación, de mercados compostos por moi poucos individuos consumidores, fai que calquera variación dun posible canon, e repito que non é a miña intención definir este concepto e son moi consciente de que o podo estar utilizando dun xeito errado, sexa eliminada das propostas de edición.

Por outra banda, o problema da canonización, alén da canonización en si mesma, é que, segundo o que propón Inma, baséase en criterios estritamente comerciais e non noutro tipo de consideracións que, en distintos níveis, é preciso ter en conta cando se fala de literatura. Como editor, ínfimo, tamén quixen ver canonizado a algunha das persoas que editei. A estas alturas sabemos que unha das fórmulas son os premios por traxectorias, por libros publicados, por recoñecemento popular. Neste campo, calquera ferramenta é válida: premios nos que a editora pode meter man, comerciais que lle dan presenza aos títulos que representan fronte aos doutras editoras que non contan cunha estrutura de vendas, presenza nos medios de pago ou debendo algún favor. Repito que o mercado non vai ser xusto e honesto con ningunha obra.

A literatura que non entra dentro de ningunha estratexia comercial sempre o tivo difícil e o seguirá tendo nun futuro. De aí a existencia de mecanismos como a auto edición, que requiren un compromiso por parte de autoras e autores, non só económico. Eu sempre defendín a postura de saír fóra das canles convencionais, incluso de ofrecer as obras gratuitamente, porque, para que sexa posible crear novos nichos de mercado, é preciso dar a coñecer as propostas que foxen das liñas marcadas polo sistema editorial.

Comentários