Cando Ken Loach executa ese realismo social que se lle atribúe aos seus traballos, por medio da trama e dos personaxes constrúe a crítica dun sistema que erra nas súas estratexias, converténdose nun grande xerador de pobreza. En ningún momento busca estigmatizar ás clases populares por medio de clixés degradantes.
Non é o caso de Sibylle Berg no seu GRM Brainfuck, que ben podería
ter por título Como construír unha novela a base de clixés. Debo
confesar que só levo cen páxinas da novela, pero xa creo ter unha imaxe mental
de todas os filmes de serie B do cinema americano dos anos oitenta e noventa.
Cine con algún carácter social, por suposto, no que se representaba a pobreza e
a raza como a cerna da delincuencia. É certo que o presente suxire sempre grandes
distopías pero, describir a degradación dunha sociedade a partir das persoas excluídas,
ao meu modo de ver, comporta certos problemas. Por moito que a acumulación de
desgracias que Berg describe se fundamenten nunha realidade máis ou menos
plausible, é importante demostrar certo contraste que, probablemente, forme
parte dunha realidade palpable. Doutro xeito, semella que quen escribe esas
liñas vive moi afastada da clase que intenta representar nas súas páxinas.
Entendo que as persoas que premiaron a autora
co máximo galardón literario suízo, é posible que se sintan cómodas coa
descrición que realiza Sibylle Berg dunha parte da sociedade, que aumenta os
seus efectivos segundo se executan as distintas políticas neoliberais. Pode que
a aceptación do statu quo e a participación activa dun sistema que exclúe a
unha grande parte da cidadanía, nubrase a súa percepción da realidade.
Berg aproveita os efectos do thatcherismo para localizar o seu presente
distópico. Aquela involución nos dereitos sociais e laborais, compuxeron un grande
caldo de cultivo para a estigmatización da pobreza. O que resulta chocante é
que, malia describir con toda a exactitude que lle permiten as cincocentas páxinas do libro a destrución dos
dereitos fundamentais, ela mesma toma un papel distante, segundo o que conta
nunha entrevista para DeutschlandRadio Kultur. Podería estar errado na miña
percepción sobre o asunto, pero desconfío sempre dos talantes meramente
descritivos, sobre todo cando se fala de temas sociais tan graves, describindo como
se conculcan os dereitos da poboación, para acabar manifestando que non ataca o
neoliberalismo. Cando leo algo así, paréceme que a clase obreira sufre para
nada. Narrar tanta desolación, ao meu modo de ver, ten que ter un sentido
último, pode que o sentido que Ken Loach dá aos seus filmes. Con todo, podo
estar errado. Seguirei lendo até que a dor descrita se faga insoportable.
Comentários