A política do posible

Fai unhas semanas escribía un fío nunha rede social a propósito da presión social, exercida por unha parte da sociedade que apoia aos partidos no goberno do estado, para evitar que se cuestione as accións dos mesmos, porque se considera que calquera crítica traerá, como alternativa, a subida ao poder da dereita. Onte mesmo vía unha entrevista a Nanni Moretti, director de cine e activista político (exmilitante comunista e hoxe envolto na coalición L’Ulivo), na que contaba unha anécdota que aconteceu nun acto aberto do seu partido no que se pretendía unha exhortación para conseguir a xustiza igual para todas e todos os italianos, en relación aos casos de corrupción de Silvio Belrusconi. Despois das comunicacións oficiais de dous dos dirixentes do partido, unha persoa convidouno a falar e el, sen pensalo moito, subiu ao escenario para confrontar dúas das intervencións que o precederan. Naquel momento, Moretti apelou á necesidade de fixar o rumbo da esquerda, defendendo coalicións amplas e avogando pola participación popular e a defensa dos intereses dos e das electoras. O público aplaudiu entusiasmado, non así os dirixentes do partido.

Na miña escasa, pobre e inconstante experiencia política, vivín moitos momentos de censura nos que se coartaba o clamor das masas, porque, como tamén denuncia Moretti nun dos seus films: e che ci frega a noi dei desideri delle masse! (que nos importa a nós os desexos da masa!). Porque, dentro dos instrumentos de control partidistas, tamén e especialmente dentro da esquerda, as estruturas de cada partido convertéronse nun fin en si mesmo, nunha superestrutura. Sobrevivir a toda costa, tendo como única escusa a posibilidade de mellora, dentro do concepto da política do posible (posibilismo).

Nun estado como o español, cun fascismo estrutural herdado dunha transición que non era máis que unha reconversión da ultradereita cara a unha ultradereita democrática (sempre que se queira considerar que iso pode existir), co concepto da política do posible, defendido polas forzas que se deron en considerar de esquerda (poderiamos falar aquí das grandes traizóns das correntes da esquerda política, reconvertida a institucional), como principal condicionante á hora de promover calquera cambio, evidénciase a escasa marxe de acción destes partidos “do cambio” que perden apoios periodicamente debido á súa inacción e á decepción constante do electorado que depositara a confianza nunha “imposible” transformación social.


A clase obreira no seu conxunto, grande vítima de todas as reformas efectuadas até o momento, ve como a política do posible, imposibilita crear as condicións obxectivas para que os seus dereitos sexan respectados, porque o posible é non derrotar ao sistema capitalista, o posible é seguir defendendo os intereses das empresas que conforman o Ibex 35 para evitar un colapso económico, para evitar unhas supostas inxerencias de outros gobernos e institucións capitalistas que efectivamente xa se están dando, así como defender o pago de débedas ilícitas a entidades bancarias. A política do posible impide que a igrexa católica deixe de lucrarse co diñeiro da cidadanía, que o exército deixe de ser un poder fáctico con máis poder que o propio goberno. A política do posible reduce aos sindicatos de clase a cómplices da patronal e coarta a liberdade de acción e expresión, alentando que a política do posible, sen ser a opción máis desexable, é a mellor dentro das posibles.

Cando Felipe González dicía aquelo de que vivimos no mellor dos mundos posibles, deberiamos lembrarlle que se garda a súa “paz social” na gabeta de onde non debeu ter saído nunca, loitaremos por un “imposible” mundo mellor. Eu non podo defender o que Upton Sinlcair describira na súa novela Ancha é a porta, e que eu resumo un socialismo capitalista, utilizar os mecanismos do capitalismo para loitar contra o capitalismo na construción de outro capitalismo, pero desta volta amable.   


Comentários