Bosquexos para unha distopía

Bosquexos para unha distopía
Alberte Momán Noval
Redelibros. 2016
ISBN: 978-84-943412-8-1

A mediados de abril en librerías.

Presentación editorial:


Estes bosquexos son a miña propia banda sonora. Relatan as horas que dediquei a pasar por diante de bares abertos aos que rara vez accedín para acalmar a sede, ou se cadra para escorrentar a friaxe da noite. Estes textos falan deste Lugo que apenas se aprecia, por próximo. Falan de calquera cidade na que exista un bar, unha festa popular ou a dor inmensa da violación continuada. Son tanto deste tempo que mancan cunha angustia que xa non se percibe. De tratarse dunha obra para intelectuais, faría referen­cia, como obriga, a O Potomak de Jean Cocteau, á creación dos seus Eugènes, duros, co grao de psicopatía xusto para afastarse da dor que causan, pero estes bosquexos non son aptos para retóricas baleiras, non precisan de grandes referentes, distintos dos seus protagonistas, que son, como non podería ser doutro xeito, as persoas coas que me fun atopando durante todos estes anos e sobre as que nunca tiven o valor de escribir. Pero, para que ningunha persoa poda sentirse estafada, véxome na obriga de aclarar que, quen procure nestas páxinas as suculentas declaracións dos seus protagonistas, aduba­das coa tintura do sensacionalismo, debe saber que existen outras lecturas que lle han resultar moito máis proveitosas. Aquí móstrase, en moitos casos, a dor que normalizan as estatísticas do Ministerio do Interior. A violencia e o acoso como feridas do subcons­ciente, no tempo no que a educación e a xustiza miran de semellar ausentes.
 



Comentários

Voz en off disse…
Qué boa pinta!