o lastre ideolóxico?

No meu último libro, A Crise Irredutible, facía unha reflexión sobre a renuncia manifesta da 'esquerda' política á súa presuposta ideoloxía. Referíame, concretamente, á que para estes reconvertidos 'a ideoloxía é un lastre do que cómpre prescindir'. Mentres que nun extremo político este feito converteuse en habitual, a dereita mantén intactas as propostas que fixeron del un digno herdeiro do franquismo.
Deste xeito, e como paradigma do primeiro dos casos, observamos como o PsoE (socialista, obrero o español solamente) é, por unha parte, quen de converterse en adalide da loita pola lingua (galega, sobreentendo), acudindo ás mobilizacións pertinentes (iso si, matizando posturas no día despois), para con posterioridade ceder, como bo partido imperialista español, ante a petición do seu socio na lide bipartidista, para oficializar o uso do topónimo, supostamente castelanizado, de A Coruña. (Refírome ao feito de que este luns o Javier Losada convoca un pleno municipal, no que se tratará, como único punto, a oficialidade de La Coruña).
Ben, se prescindimos de todos os antecedentes históricos e etimolóxicos que defenden o uso do topónimo galego, e soportamos o feito de que na Coruña existe unha utilización importante dese tal suposto topónimo 'en español', por que non oficializar directamente 'La Coru'? que resulta infinitamente máis divertido e cosmopolita, e que, segundo o argumento anteriormente exposto, tería o mesmo peso para ser oficial, se non máis, que a utilización do aburrido e anticuado 'La Coruña'.
A postura do PsoE, contrasta enormemente coa firmeza do PP que, malia dirixir a súa carreira cara un suposto centro, do que todos coñecemos a súa localización, á dereita de deus pai, continúa inmutable no seu odio cara todo o que manifeste a diversidade do Estado Español, con premisas rancias e, en ocasións, incluso xenófobas.
É ben recoñecible, sobre todo nos últimos tempos, o declive da ideoloxía como máxima da praxe diaria nos partidos tradicionalmente de esquerda. Na Galiza temos un claro exemplo co nacionalismo oficial, o que provocou unha derrota clara desa 'esquerda', e xa non só electoral, senón perda de confianza, perda de referentes políticos, que reforzaron a mensaxe do PP de que todos os partidos, que toda a clase política sofre das mesmas doenzas e que, polo tanto, debemos desanimarnos fronte calquera cita electoral.
É polo tanto a ideoloxía un lastre? Para a 'esquerda' resulta evidente que si. Despois de desartellar os movementos de base, todo o que cheire a esquerda é un peso morto. Mais non acontece o mesmo coa dereita, que se mantén na súa liña, pasando do Nacionalsindicalismo de Franco, con vencellos fortes ligados á igrexia, até o neoliberalismo económico, mais ligado igualmente aos mesmos condicionantes do conservadurismo e fundamentalismo cristiano.

Comentários