tell me what'd i say

Caio nesta peza de Ray Charles, malia que a miña versión da infancia fora aquela de Jerry Lee Lewis. Sen dúbida eran outros tempos. Caio nesta peza, porque plantexa unha pregunta, a pregunta que resulta ser a base e o fundamento do post que levo días querendo escribir. A lingua, os convenios co ensino privado, a volta atrás nun plano eólico que pretendía beneficiar non só ás grandes corporacións enerxéticas... e que debo dicir eu de todo isto, senón obviedades. Despois da vitoria do PP, non cabía esperar senón un estado de caos, a volta cara un sistema que prima os intereses privados fronte aos xerais, un tecido que ansía pagar os favores a grandes empresas enerxéticas, a desmembración das estruturas que significaban modestos logros sociais en favor, como non podería ser doutro xeito, do amiguismo, e todo sen rubor ningún, co descaro que dá ter unha maioría absoluta conseguida por medio dunha estratexia de desmobilización e extrema firmeza dunhas bases conseguidas despois de anos de terapia franquista, anquilosadas nun pasado que non pasa, nun apolitismo político sempre en defensa da ultradereita máis reaccionaria, máis colonialista.
Finalmente, despois de días dándolle voltas a estas cuestións son incapaz de sacar algo máis que unha presada de ideas deslabazadas, que frustran a intención de facer unha análise rigurosa e pormenorizada sobre o tema. Mais, non son quen de desprenderme deste desánimo provocado pola enorme decepción. Non me afago, tras ler a prensa, a ver as rúas baleiras, inactivas, baixo un sopor dun vran que non é tal, ou iso din.

Comentários