Se Grace Slick fose de Trasmonte

Se Grace Slick fose de Trasmonte chamaríase Susana, xamais tería cantado con Great Society, nin formado parte de Jefferson Airplane, pero levaría moi dentro o sacrificio de ser muller abnegada, coa rebeldía, como condición, a piques de estourar, reprimida por anos de ser sen participar de si mesma, en absoluto. Fumaría en silencio, agardando o paso das horas, racionando sorrisos e camiñando insomne cara a un destino anunciado. Hoxe soñei coa Grace Slick de Trasmonte. Non puiden reprimir a necesidade de convidala a unha copa, sen data fixa, cando ela quixera. Sei que non ha querer nunca, pero con gusto mostraríalle a forza da súa independencia, da súa voz erguida sobre as multitudes asombradas. Se cadra, non me tería fixado nunca na Grace Slick real, porque para min só existe a mácula, a dor que en Trasmonte forxou á eterna Grace Slick.

Comentários