Slg versus BNG

Na campaña ás nacionais de marzo, despois de descubrir que o SLG facía campaña pola abstención e o voto nulo, coidei estar asistindo á desvinculación desta organización agraria das estruturas do BNG. Posteriormente, seguindo as evolucións do proceso de 'renovación' desta formación política, sorprendeume ver como os que renegaban, a plana maior do SLG, acodían en masa ás listas presentadas por Beiras.
Despois de prometerme a min mesmo que esquecería esta organización agraria e todo o que tivera que ver coa súa rancia concepción do agrarismo pseudocristiano, chégame un correo coa mensaxe enviada a Galicia Confidencial por un excompañeiro, traballador do SLG. Mensaxe que foi seguida por medio cento de persoas que aportaron a súa, maiormente e salvando excepcións, visión infantil do acontecido e do que acontece no agrarismo galego, nomeadamente o SLG.
Non vou entrar xa, nas pugnas internas que existen efectivamente na formación política, mais si hai un feito obxectivo que coido é o que pretende resaltar este compañeiro, ao enviar a resolución xudicial que falla en contra do SLG e a favor dos/as seus/súas traballadores/as. O feito é que no SLG estábanse a vivir unha condicións próximas á escravitude, con xornadas de traballo interminables, con salarios de miseria absoluta (personal cualificado cobrando 600 euros ao mes) e, por riba de todo, asumindo o desprezo absoluto, con todo tipo de irreverencias, irresponsables, por parte da plana maior.
No momento en que un grupo de traballadores e traballadoras, politicamente implicados, pero maiormente sen filiación algunha, decidimos loitar polos nosos dereitos como traballadores e traballadoras, vímonos inmersos, involuntariamente, nunha pugna que non se correspondía en absoluto coas nosas reivindicacións. Vencellóusenos directamente coa facción crítica, a UPG, e calificóusenos de traidores ao proxecto. Tivemos que aturar presións de todo tipo, illamento e todo tipo de signos de desprezo, o que causou varias baixas por depresión. A maiores, despedimentos irregulares e situacións absurdas, como o da compañeira de Lugo, despedida porque o seu compañeiro, sentimental, era liberado da CIG. Todo baixo a atenta mirada, como non podía ser doutro xeito, de Lidia Senra.
Estas razóns obxectivas, como dicía, parécenme suficiente para apoiar a tese de que , como xa comentei nalgunha ocasión a militantes da UPG e excompañeiros de traballo, cómpre desestimar, para cargos dentro da estrutura do BNG, calquera persoa, e xa non me estou a limitar ao caso de Lidia Senra, cuxa conduta ética sexa algo máis que cuestionable.
Estou certo de que Lidia Senra e demais, cometeron todas esas irregularidades laborais por conservar a idea de sindicato que defendían, mais iso conleva varios problemas, entre eles o da ocultación sistematica de cal era a súa idea de sindicato (lembremos que a maior parte dos apoios recibidos durante o congreso, descoñecían o significado de moitos dos termos que se estaban a debater e que supuñan máximas incuestionables no programa político da candidatura de L. Senra. Aconteceume de casos nos que, unha vez explicado o significado deses termos, rexeitaron absolutamente o ideario do proxecto. Hai que lembrar que moitos dos delegados e delegadas presentados por L. Senra, non asistiron nin ás asembleas nas que foron electos, requerimento indispensable para ser delegado/a). Polo tanto, a idea defendida po Lidia, foi imposta indo en contra de toda visión de democracia. Outro dos problemas que conlevou a postura da visión 'maioritaría', foi que prescindíu dunha parte moi importante da afiliación, polo que actualemente se está a converter nun sindicato sen base social activa. Polo que á miña actual experiencia me di, L. Senra mantén o seu estatus intacto entre persoas e colectivos que nada teñen que ver comundo rual, co agro. As defensas a ultranza que se fan desta muller, correspóndense arestora con persoas que queren crer porque ignoran, dogma de fe. Todos estes problemas, aumentan a dependencia do SLG con España, concretamente con COAG, o que deslexitima moitos dos discursos levados a cabo até o momento, silenciando a voz da Galiza, do agro galego, en manifestacións en España e para España.
Eu, pola miña parte, non teño a visión inocente deste excompañeiro que se dirixe aos medios con tosa esa información, e sei que Beiras é coñecedor da situación laboral do SLG, mais como acontece con outras moitas cousas, para as que non é este o foro máis axeitado para debatir, pouco importan cando o fin está definido e é incuestionable. O fin non é, nin será nunca, a 'renovación' do BNG, senón a pugna interna entre os prexuizos infantís duns e o posibilismo (conprexuizos infantís incluídos) dos outros. Lembremos que o feito por Lidia Senra no SLG foi aprendido nas bases da UPG. Os prexuizos asumidos por ela, en moitos casos derivados de cuestións persoais, son os que hoxe basean a pugna.

Comentários