non vorrei chiedere ne pretendere per me ciò che le altre hanno preteso e pretendono

Non quixera para ti, tampouco, o que os outros queren e pretenden, porque sería banalizar todo un sentimento. Sería someter o que penso e desexo á vontade doutros, asumindo os erros e prexuízos que nos levaron a renegar do mundo.
Ansío, tamén eu, todo o que os outros non teñen. Manter a distancia e mostrarme feliz se sei que ti o es, e sentir, co tempo, o mesmo desexo da primeira vez.
Non debemos contentarnos con menos, podendo telo todo, pois sería renunciar a unha parte de nós.
De poder, gustaríame mostrarche emocións que nunca creras experimentar e acompañarte no percorrido, descubrindo o teu corpo, a cada instante, sabendo de nós máis, alén de toda fronteira.

Agardo esas nosas 24 horas. Despois, saberei estar presente na distancia, aliviando o peso da vida se é que as miñas palabras son suficientes. Saberei conter cun abrazo o pesar de toda unha existencia, a túa como a de ambos. Saberei conter as bágoas e saberme forte. Saberei chorar sobre a túa pel deshidratada. Saberei mostrarme ao mundo e ocultarme del se así mo pides. Saberei estar e acompañarte, sen que me vexas. Saberei, se sei, pechar o ollos e crer que todo isto é posible.

Comentários