Libros e alén

O camarada Ducon, co que comparto algo máis que o gusto polos libros (tamén a visión común que temos de España), comezou, non hai moito, cun proxecto de colonización (quérese dicir, un proxecto aberto a España, pero sen buscar o seu beneplácito, senón que se trata dunha iniciativa galega, pensada e centrada en Galiza) de espazos tradicionalmente españois. É de todos coñecida, ou polo menos polos vigueses, a librería La Casa del Libro, e a súa existencia en internet. Así mesmo, todos sabemos que se trata dun proxecto español, dirixido e orientado dende España e para España, onde a literatura galega non deixa de ser unha anécdota, un grao no cu, algo que hai que soportar, pero sen darlle tampouco máis importancia da debida. A páxina da librería virtual, vén de abrir (coido que xa hai tempo, pero eu entereime no momento que Ducon me comentou a súa existencia, unha vez comezado o seu proceso de 'colonización') un apartado, libro de arena, de bitácoras persoais, onde os utentes contan a súa impresión sobre algún libro, fan públicas as súas creacións literarias,... evidentemente dende unha perspectiva española, como é lóxico, por outra banda. O que resulta curioso, é como a bitácora do Ducon (en lingua galega e sobre literatura en galego), é protagonista dun tímido debate lingüístico, no que se pon de manifesto a 'inxustiza' que representa o feito de que 'libros e alén' estea en galego, nun proxecto español. O verdadeiramente curioso, xa non é o feito que exista ese debate, senón que ese debate parta dunha rapaza de Vigo.

Comentários