O 'alento' en Compostela. Crónica















Entramos na Galería Sargadelos a rir e saímos do mesmo xeito. Sentamos e falou Xavier, logo falei eu e, finalmente, houbo intereacción. O compañeiro Dacal animouse a comezar o debate, e aló estivemos até que o reloxo marcou a hora de marchar. Continuamos a falar nunha cafetería próxima, onde demos en analizar o país, dende distintos puntos de vista, demos en lembrar vellos tempos e outros non tan vellos. Logo chegou a despedida, coma sempre, con contagotas, sempre a falar da situación do país, da produción literaria. E foi nese punto no que fiquei a pensar, só por un momento, xa que fomos tomarlle uns viños e a cousa xa non quedou para grandes reflexións, só para anécdotas e historias varias que animaron a noite. Pero á mañá retomei o pensamento que abandonara a noite anterior. Pensei nuns premios literarios atípicos, dada a grande produción literaria deste país e o alto grao de descoñecemento que existe dela. Pensei en dúas categorías:
  1. Premio ao/á máis descoñecido/a. Para recoñecer o traballo daquel autor ou autora que, malia sacar a público a súa obra, continúa sendo un/unha auténtico/a descoñecido.
  2. Premio ao/á grande descoñecido/a. Co que se pretende dar a coñecer a aquelas persoas que, malia posuir unha importante e salientable obra literaria, non gozan do recoñecemento debido.

Polo tanto, e dende xa, ficades convidados a emitir o voso voto, co nome e breve referencia bioblibliográfica da persoa que considerades que debería optar a cada unha destas categorías. Ánimo. Vaiamos na procura dos/as descoñecidos/as deste país.

Comentários