bandeiras con sentimentos

Estes días veñen de ser encarcerados en Letonia uns mozos, porque colleron unhas bandeiras dese país que decoraban as rúas da cidade. Eu nunca fun moi partidario de render culto aos símbolos que identifican a calquera país, polo que considero desproporcionada a medida que se tomou con estes rapaces en Letonia. Pero non deixa de resultarme curioso o tratamento que se lle está dando nos medios a esta nova.
Deste xeito, os informativos dixitais de tele5 utilizan o seguinte titular: 'Secuestrados' en Letonia por ultraje a la bandera del país. Resulta que se trata de bos rapaces que nunca fixeron mal a ninguén, e polo tanto resulta un castigo fóra de toda comprensión.
Ben, até o momento podemos estar dacordo, pero resulta que a Axencia EFE informaba, o 14 de abril de 2005, da sentencia de dous anos de cadea a un rapaz que lle prendeu lume a unha bandeira de España, despois de descolgala do Castelo de Montjuic en Barcelona. Quixera eu saber cal foi a reacción dos medios españois ao coñecer a nova. Sen facer máis indagacións, coido coñecer a resposta... e o caso resúmese en que o honor patrio da España máis casposa é meirande que o honor patrio de calquera outro país do mundo, polo que un agravio á bandeira de España é merecedor do meirande castigo, mentres que en Letonia, onde a guerra fría semella non estar tan fría, ascendente directa 'da máis hostil herdanza comunista', impón sentencias desmesuradas a pobres rapaciños indefensos.
Seguro que os media non se referiron ao pobre rapaz que queimou unha bandeira española, como un 'secuestrado', nin insistiron de xeito tan contumaz, como no caso dos, desta volta si, secuestrados, pola 'xustiza' letona.
Agardemos, de todas formas, que estes rapaces saian canto antes da súa reclusión, para que podan voltar para a súa casa, onde se xulga do mesmo xeito ese mesmo delito.

Comentários