denominación incontrolada en orixe

Volvín dunha pequena viaxe ao norte de Italia, onde visitei varias Denominacións de Orixe de Viño, algunhas certamente interesantes. Na viaxe de avión de volta, propúxenme establecer unha comparativa entre dous xornais de referencia, un do Estado Español, El País, e outro italiano, Il correire della Sera. Ambos, tanto no eido internacional como no interno dos seus respectivos países, facían valoracións a respecto das políticas asumidas por ambos gobernos dende unha perspectiva europea, sen reparar nas contradicións da antiga esquerda, agora socialdemócrata, para asumir o neoliberalismo que marcan as normativas comunitarias. Unha característica de ambos xornais, é a de preparar á sociedade para os cambios a nivel económico por medio de informacións ambiguas e certamente positivistas. Un optimismo incesante que fai aínda máis patentes as contradicións daqueles que nun tempo foron de esquerdas. Neste sentido, no corriere, destinaban unha páxina enteira para describir os cambios que o novo goberno suízo, antigamente socialdemócrata e actualmente representado pola dereita neoliberal, para recortar as prestacións por desemprego, situado este en torno a un 7 %, como medida para fomentar que os lacazáns dos desempregados corran a buscarse un emprego (non referencia textual). O problema, ao meu modo de ver, non é a actitude da dereita, que xa todos sabemos como actúa, senón a conformidade deste xornal italiano, que argumenta que, malia que os impostos do 51% fomentaron uns servizos públicos dunha calidade moi superior á de calquera país do mundo, é inxustificable unha taxa desemprego tan ‘elevada’. Asumir que se ten que producir un retroceso na loita pola consecución dos dereitos dos traballadores e traballadoras, tan só pode ser argumento da ultradereita, e nunca dun xornal que se considere serio e ‘progresista’.
Despois disto, mirei El País, moito máis escaso nos seus contidos e tireino nun curruncho mentres observaba a entrada do avión no ar da península.
Máis tarde, pareime a escoitar unha conversa entre dous compañeiros de viaxe, na que un defendía a independencia política de ‘La voz de Galicia’ e argumentaba isto, utilizando a mesma terminoloxía periodística que se presenta en todos os xornais que defenden as versións oficiais de todos os conflitos, opinando sobre os principais temas de actualidade. Era tarde e eu estaba nunha das miñas crises de insomnio típica das viaxes, por un momento collín tanto medo que pensei que non había nada que facer, tiñamos un primeiro mundo completamente alienado e un terceiro incapaz de reaxir. Por un momento perdín toda esperanza de cambio. Despois, alguén a chegouse para falar e recupereime un chisco, pero aínda hoxe, tan só con pensalo, trémenme as pernas.

Comentários