Interplanetarismo proletario

 



A corda sobre o abismo, a micro novela que se inclúe no libro .22, foi elaborada ao redor de dous temas que me obsesionaban dende había un tempo. A historia foi medrando como escusa e a ciencia ficción resultou a ferramenta fundamental para ligar reflexións e trama. Propúxenme tratar o tema do internacionalismo proletario dende o punto de vista de dúas habitantes dun planeta destino da deslocalización da produción. Tentei imaxinar a evolución do pensamento crítico nunha persoa que ofrece a súa forza de traballo como man de obra barata, nun contexto de pobreza xeneralizada e cunha sociedade na procura permanente de fórmulas para a evasión. Dende esa perspectiva, afróntase o internacionalismo proletario ou, máis acorde co texto, interplanetarismo proletario. Por outra banda, propoño unha reflexión sobre como as emocións inflúen, ou poden ser utilizadas, para manipular a realidade obxectiva. A presenza de Marx compón a nota surrealista, inspirada no título da versión galega dun libro de Žižek, O espectro segue a roldar. Este texto sitúase moi lonxe de aspirar a ser unha obra ensaística. Porén, pretende ampliar o meu universo literario, propondo pouco precisas reflexións sobre o mundo que me rodea por medio do humor. Establezo un vago paralelismo co Zaratustra de Nietzsche introducindo no medio da narración imaxes oníricas que pretenden mostrar, a unha das protagonistas, o camiño para se converter na súper muller.     

Comentários