Terra Nullius (MEditora. 2020) é un libro que se centra na violencia estrutural e nas consecuencias desta no individuo que a padece. Trátase, ao mesmo tempo, dun
libro sobre a soidade e o illamento como mecanismo reparador dunha relación hostil
entre o mundo e o ser. Un personaxe principal que experimenta un proceso de
individualización, concepto recollido das obras de Erich Fromm, para
emanciparse do poder que exerce, inicialmente, a familia e, con posterioridade,
o entorno social no que se desenvolve. Neste sentido, facendo referencia ás
dúas partes nas que se divide o texto, pásase da Terra Nullius, Terra de Ninguén,
(consecución de certa independencia) á Terra Queimada (a soidade e frustración
vital consecuencia desa mesma individualización ou emancipación).
Todos estes conflitos
son descritos cun minimalismo expresivo que os describe coa intención de
universalizalos, evitando o sensacionalismo propio de escenas prolongadas
artificialmente, que coutan a dimensión ampla das emocións descritas e que, ao
final, non serían outra cousa máis que momentos dun anecdotario persoal. A modo
de exemplo, o conflito intrafamiliar descríbese por medio dunha secuencia na
que, desamparada e soa, a protagonista procura entre os contactos do seu
teléfono unha persoa coa que falar, detense no número da súa nai e, despois dun
tempo de reflexión, decide non pulsar o botón de chamada. Este é un dos
instantes nos que se describe o conflito existente entre a protagonista e os
seus proxenitores. Segundo transcorre o texto, vanse aportando máis detalles
dese conflito, pero sen chegar nunca a desenvolvelo por completo. Aportar pouca
información intencionadamente busca que sexa a persoa que se achega ao relato
quen imaxine ou dea forma a ese conflito utilizando como base a súa propia
experiencia.
Estamos diante dun
texto incómodo, que busca na súa brevidade e no estilo dinámico alixeirar a
lectura, procurando que quede sempre un pouso sobre o que volver co tempo,
incitando á reflexión.
Descarga o libro de balde premendo no título Terra Nullius.
Comentários