En novembro
cúmprese un ano da saída do prelo de Tripas (Belagua. 2017), un libro de poemas
no que recollo a produción poética de, cando menos, seis anos da miña vida. O
eixo principal é, xustamente, a elaboración desa secuencia, un intervalo da
miña propia traxectoria vital. Podería dicir que se trata dun discurso
fragmentado co que tento reflexionar sobre os acontecementos importantes que
deixaron pegada, procurando reconciliarme, ao mesmo tempo, co meu pasado.
Trátase dun libro
no que se abordan, dende distintas perspectivas, momentos intensos que
confeccionan, con dureza, a imaxe dun corpo que se ispe para non permitir que
nada fique oculto, evitando que teza enramados confusos cargados de
frustración.
Para min é, polo
tanto, un libro importante, pero que ao mesmo tempo marca un punto de inflexión
co que pretendo romper con esa forma de contarme, universalizando a miña propia
experiencia, para espir, do mesmo xeito, o meu entorno máis ou menos inmediato.
Agradecido pola
acollida do libro, recompilo hoxe as diferentes impresións que distintos medios
foron capturando. Agradecido, tamén, a Estefanía Busto Dopazo pola tradución ao
español, coa que se pretendía das cobertura peninsular aos textos.
Mario Regueira
escribía, para o número 273 do semanario en papel Sermos Galiza do 21 de
decembro do 2017, unha recensión na que resaltaba o «inconformismo e un
afastamento voluntario das grandes correntes literarias, tamén no que respecta
á procura de subxéneros», facendo referencia ao conxunto da miña obra.
Román Raña daba asúa visión para o Faro de Vigo do 25 de xaneiro do 2018, na que resalta o clima
de desolación que marca, como liña definida, as páxinas de Tripas.
Manrique Fernández
publicaba, o 1 de febreiro do 2018, unha recensión no xornal electrónico
Comarcas na Rede de información dos municipios do sur de Pontevedra,
considerándoo un libro visceral e negativista, moi acorde coas imaxes descarnadas
que ocasións se mostran.
O día despois da
presentación do libro en Lugo, Santiago Jaureguizar publicaba en El Progreso do
día 9 de febreiro do 2018, un artigo resaltando aspectos relacionados coa
primeira parte do libro, Arrabalde de silencio, nos que mesturo ficción e
realidade para falar da chegada da miña nai a Ferrol, procedente do Roxal,
concello de Neda.
O suplemento
cultural do Faro de Vigo, O Faro da Cultura, do día 22 de febreiro publicaba
unha extensa entrevista na que resalto o marcado ton autobiográfico destas
Tripas.
Tensy Gesteira
realizaba, para a súa bitácora literaria Lecturafilia, unha recensión do libro
que acompañaría, días despois, cunha entrevista máis en profundidade.
Xa no mes de xullo,
Henrique Dacosta escribía para o Suplemento Cultural Nordesía do Diario de Ferrol do 29 dese mes,
unha recensión na que introducía o oxímoron como fío condutor, xa non só en
Tripas, senón como recurso poético en todas as miñas obras.
E por último, até o
momento, Vicente Araguas, para ese mesmo Suplemento Cultural, neste caso do 21
de outubro, escribía unhas liñas considerando o feito de mostrarme nu na
escrita.
Diferentes visións
que demostran un amplo abano de temáticas e recursos empregados nun libro que é
como unha vida.
Comentários