Transformar a linguaxe para mudar o mundo

 


Fai uns anos, nun intercambio de correos con IgnacioEscolar, director de El Diario, dicíalle que era imposible transformar o xornalismo sen mudar a linguaxe, mantendo o léxico eufemístico do poder, por exemplo. Calquera cambio social debe implicar unha mudanza da linguaxe, cara a unha forma de expresión nova, que defenda os intereses xerais e non o actual modo de falar, que resulta o soporte dun poder excluínte. Loitas como as do feminismo, buscan poñer en práctica esta teoría. En canto caeu nas miñas mans Proletkult do colectivo italiano Wu Ming, recordei aquela conversa na que o señor Escolar me daba a razón sen moito convencemento.  Lembreina porque o libro fala, xustamente, da decadencia, centrándose na figura de Aleksandr Bógdanov (Aleksandr Aleksándrovich Malinovski), daquel movemento (1917 – 1932) de cultura proletaria que buscaba transformar a arte e construír, dese xeito, novas liñas ou novas linguaxes nas distintas disciplinas artísticas dende unha óptica marxista e partindo do proletariado. O movemento, nado coa incipiente revolución de outubro, como iniciativa dunha institución xestada dende había pouco, procuraba, coa súa independencia do Partido como fundamento, non dar continuidade á cultura burguesa e implicar ao proletariado na confección dunha arte nova. O colectivo Wu Ming documenta un período no que Bógdanov, un dos fundadores do movemento xunto con Anatoli Lunacharski ou Maxim Gorki (Alekséi Maksímovich Peshkov), expulsado do Proletkult, céntrase na súa actividade como médico na dirección dun instituto que ten como cometido o colectivismo fisiolóxico, expresado de forma sintética como o rexuvenecemento dos corpos por medio de transfusións de sangue. Bógdanov ve cuestionada a súa práctica médica, así como as súas teorías filosóficas referentes ao empiriomonismo, tenta manterse á marxe das pugnas políticas que, en ocasións, aproxímano á oposición política, provocando que as persoas a el achegadas teman pola súa integridade debido ás purgas que se estaban a levar a cabo. Paralelamente, e como liña argumental da narración, preséntase a súa faceta de escritor de ciencia ficción, coa súa afamada obra Estrela vermella. Esta novela servirá de escusa para a elaboración, por parte de Wu Ming, dunha trama de ciencia ficción ao redor do libro de Bógdanov, creando un planeta, Nacum (Marte no orixinal de Bógdanov), que, aínda que se describe como utópico polo feito de conformarse nun estado socialista, conta con grandes problemas medioambientais que poñen en cuestión a súa habitabilidade nun futuro próximo. Todos estes elementos fan que obra transcenda á historia para sucumbir a unha narración áxil e divertida, de interese para aquelas persoas que desexen achegarse a aquel período, pero sen a pesada carga dun relato puramente histórico.

Comentários