Xénero negro na Unión Soviética.

 

Entre as cousas que me gustan do ámbito literario está a de obsesionarme cunha temática, autor ou autora e seguirlle a pista até que o propio efecto que sobre a miña saúde ten esa mesma obsesión aconséllame abandonar. Debo recoñecer que, malia o que poda parecer, non son unha persoa moi constante, tan só en contadas ocasións sigo a pista de algo até esgotar a información ao respecto. Cando comecei a procurar as novelas de Ilulian Semionov, non me imaxinaba que acabaría descubrindo aquela que é considerada a primeira novela de xénero negro da Unión Soviética.

No ano 1964, a editorial catalá Molino publicaba, acolléndose a unha tradución ao alemán do orixinal ruso, La terrible banda de Moscú de Arkadij Grigorjewitsch Adamov. O orixinal de 1955, segundo o prólogo da versión alemá de 1962, non mostra simplemente a pugna entre policías que buscan o éxito persoal a través da resolución dos casos, senón que describe como os membros do aparato do estado, con grande conciencia de clase, loitan contra delincuentes organizados e que defenden os elementos e actitudes máis representativas dos países capitalistas. Nunha sociedade marcada polas consignas políticas que instaban, ao conxunto da sociedade en xeral e a autores e autoras literarios en particular, a mostrar nas súas obras o paradigma soviético, non resulta estraño que unha obra que describe con precisión as entrañas máis escuras do sistema, espertase as críticas máis vehementes. Pode que, as cuestións que alentaban a uns a criticar a obra, servisen de acicate para que na España franquista dos anos sesenta a novela superase a censura.

Sexa como for, a única edición realizada no estado español, deixou constancia para quen se achegase entón a esta obra, deixándoa aínda hoxe para quen se aproxime a algún dos numerosos exemplares da época á venda en distintas plataformas, da capacidade dos autores soviéticos, como faría Semionov anos despois, de integrar as contradicións do comunismo dentro das fronteiras da Unión Soviética nos seus relatos, sen renunciar, cando menos en aparencia, ao ideario imperante, se cadra, con máis vontade de reconstrución que de aniquilación. E todo isto, sen espertar os receos da censura que permitiu a publicación desta obra de Adamov nunha das revistas máis prestixiosas da época, Junost, e permitiría, décadas máis adiante, a saída do prelo das obras de Semionov, nas que se describen tamén os desaxustes dunha sociedade que se pretendía exemplar. Con todo, non cabe dúbida de que o apoxeo deste xénero literario non se deu até mediados dos anos 90 cando, xa na Rusia capitalista, un número importante de autores e autoras, até o momento inéditos, comezaron a súa carreira literaria cultivando o xénero negro.

Comentários