Sereas

Onte, a voz de sete sereas aloumiñou as pedras do Teatro de Rosalía na Coruña. Sete voces ben distintas que emocionaron, conmoveron e revoltaron por igual a un público distintamente entregado. Sempre me resultou curioso, e comentábao á volta con Alba no coche, como na Coruña, entre os que asisten aos actos por amizade e os realmente interesados atópase o postureo. Ese postureo que se viste de gala para semellar interesante e interesado, mais que permanece insensible a toda mensaxe emitida dende o escenario. No caso de onte, tratábase, nunha porcentaxe que non sabería cuantificar, dun público abertamente alleo a todo o que de galego se destilaba do ambiente, e insensible ás mensaxes a prol da lingua que, marabillosamente, foron expostas dende o máis alto, coas, posiblemente, mellores voces do país. Eu non vou dicir que estes actos deban ser destinados só a galegofalantes. De feito considero positivo que toda esa xente asista a actos marcademente galegos, para que se vexa que neste país fanse cousas interesantes e que non dependemos, culturalmente, das compañías españolas de paso por provincias. Pero, non deixa de causar centro asombro como, incluso as mentalidades máis reaccionarias, ceden fronte a posibilidade de figurar, incluso en actos que van contra do seu máis enraizado instinto.

Comentários

Unknown disse…
Emociónanme este tipo de actos culturais. Son moi fermosas as voces destas cantantes: a dozura de Guadi Galego, a bravura de Mercedes Peón con cheiro a música tradicional,malia a fusión da súa música; a delicadeza e a forza de Rosa Cedrón, a tenrura da voz de Sonia Lebedynski, a fermosura das cancións de Uxía Senlle e de Ugia Pedreira, as táboas de Silvia Penide, malia que esta última cantou algún tema en español. En fin.. O que hai que ver e escoitar no país de dous nomes!
Tamén cabe destacar o labor do pianista brasileiro (Paulo Borges) que as acompañaba.
E ao estar contigo, é marabilloso poder compartir e saborear a arte da mellor música galega.