A Crise Irredutible no semanario A Nosa Terra

A Crise Irredutible, un libro autoeditado con escasísimos medios e que contou cunha moi limitada promoción e, malia todo, foron xa varias as persoas que se interesaron por el, até o punto de consideralo o suficientemente interesante como para sacalo nos medios nos que traballan ou cos que colaboran. O Galicia Hoxe, da man de Montse Dopico, o Novas da Galiza por medio dunha entrevista realizada por Rosa Enríquez, a que tamén falou do libro na súa columna de opinión en La Región e agora X. M. Eyré que achega a súa crítica ao semanario A Nosa Terra.
Cando a imprenta me enviou o libro, decidín achegalo, polos meus propios medios, a todos os lugares onde me fose posible, consciente de que sería obviado, como o son grande parte dos proxectos poéticos que se fan neste país. Non imaxinei que habería quen lle ofrecese o seu tempo, e moito menos un espazo nalgún editorial. Cando vin que era incapaz de afrontar, en solitario, unha correcta distribución, decidín contratar os servizos do Consorcio Editorial Galego, o que aumentou considerablemente o prezo do libro. Feito que me sigue parecendo un dos grandes limitantes á hora da comercialización. Por este motivo, xuntei os exemplares que me quedaban e deixeinos nalgunhas bibliotecas do país, así que se cadra, para aquelas persoas que non queren ou non poden compralo, pódeno atopar no andel da biblioteca pública máis próxima.
Dado o escaso valor que se lle dá as autoedicións, todo isto paréceme un logro impensable a priori. Agardo que A Crise mereza o tempo e as liñas que se deitaron con el.

Comentários

Unknown disse…
Non me estraña nada que tiveras unha boa crítica do libro. Ben a merecías.

Unha aperta ben fonda meu!