andas á procura?

Búsqueda personalizada

terça-feira, março 30, 2010

Filo-café: Crise/Crítica no Café Uf


O 24 de abril, haberá un novo filo-café, Crise/ Crítica, desta vez no Café Uf (Rúa do Pracer, 19. Vigo) a partir das 21 horas.

quinta-feira, março 18, 2010

Diário de Liberdade

Embarquei na dorna do Diário de Liberdade, agora xa formo parte do elenco de tertulianos e tertulianas que poboan este país, agardo tan só ter algo máis de siso que a maioría dos que se estran na leira dos mass media falando tanto de economía como do divorcio da infanta. No meu caso, falo de algo co que, cando menos, teño algún vínculo, o agro. Dispoño dunha columna, O pasteiro, na que tentarei ir deitando opinións xa non académicas, para o que non sería a persoa máis indicada, senón aqueloutras máis divulgativas, co fin de achegar un pouquiño de luz nun eido descoñecido para moitos e moitas dos que xeracións atrás perderon todo vencello.

segunda-feira, março 15, 2010

A Crise Irredutible no semanario A Nosa Terra

A Crise Irredutible, un libro autoeditado con escasísimos medios e que contou cunha moi limitada promoción e, malia todo, foron xa varias as persoas que se interesaron por el, até o punto de consideralo o suficientemente interesante como para sacalo nos medios nos que traballan ou cos que colaboran. O Galicia Hoxe, da man de Montse Dopico, o Novas da Galiza por medio dunha entrevista realizada por Rosa Enríquez, a que tamén falou do libro na súa columna de opinión en La Región e agora X. M. Eyré que achega a súa crítica ao semanario A Nosa Terra.
Cando a imprenta me enviou o libro, decidín achegalo, polos meus propios medios, a todos os lugares onde me fose posible, consciente de que sería obviado, como o son grande parte dos proxectos poéticos que se fan neste país. Non imaxinei que habería quen lle ofrecese o seu tempo, e moito menos un espazo nalgún editorial. Cando vin que era incapaz de afrontar, en solitario, unha correcta distribución, decidín contratar os servizos do Consorcio Editorial Galego, o que aumentou considerablemente o prezo do libro. Feito que me sigue parecendo un dos grandes limitantes á hora da comercialización. Por este motivo, xuntei os exemplares que me quedaban e deixeinos nalgunhas bibliotecas do país, así que se cadra, para aquelas persoas que non queren ou non poden compralo, pódeno atopar no andel da biblioteca pública máis próxima.
Dado o escaso valor que se lle dá as autoedicións, todo isto paréceme un logro impensable a priori. Agardo que A Crise mereza o tempo e as liñas que se deitaron con el.

segunda-feira, março 08, 2010

Sereas

Onte, a voz de sete sereas aloumiñou as pedras do Teatro de Rosalía na Coruña. Sete voces ben distintas que emocionaron, conmoveron e revoltaron por igual a un público distintamente entregado. Sempre me resultou curioso, e comentábao á volta con Alba no coche, como na Coruña, entre os que asisten aos actos por amizade e os realmente interesados atópase o postureo. Ese postureo que se viste de gala para semellar interesante e interesado, mais que permanece insensible a toda mensaxe emitida dende o escenario. No caso de onte, tratábase, nunha porcentaxe que non sabería cuantificar, dun público abertamente alleo a todo o que de galego se destilaba do ambiente, e insensible ás mensaxes a prol da lingua que, marabillosamente, foron expostas dende o máis alto, coas, posiblemente, mellores voces do país. Eu non vou dicir que estes actos deban ser destinados só a galegofalantes. De feito considero positivo que toda esa xente asista a actos marcademente galegos, para que se vexa que neste país fanse cousas interesantes e que non dependemos, culturalmente, das compañías españolas de paso por provincias. Pero, non deixa de causar centro asombro como, incluso as mentalidades máis reaccionarias, ceden fronte a posibilidade de figurar, incluso en actos que van contra do seu máis enraizado instinto.