Ateísmo militante, materialismo dialéctico e socialismo científico


Seiscentos kilómetros máis vello, regreso a casa, e mentres poño a lavadora, ordeo un pouco o cuarto e recollo un chisco as distintas mesas de traballo, vou enviando as fotos do acto organizado pola Asociacion de Amizade Galego-Cubana "Francisco Villamil" o sábado en Vigo. Tiña perto o acto de Prolingua en Moaña e a tertulia sobre Afasia de Xabier Cordal. A musica de Silvio, Pablo Milanés, Carlos Puebla, Suso Vaamonde, acompañoume durante toda a fin de semana. De regreso, Lugo volvéuseme un chisco máis gris, trala perspectiva de perder de vista a tan grata compaña destes dous últimos días. Aínda non me afixen a este novo emprazamento, malia ser xa unha cidade ben coñecida. Tentei compoñer un poema ao saír de Teixeiro, cara o enlace coa autovía, e xurdíu algo que escribín no baño, unha vez na casa. Mentres o pasaba a papel, sentado no váter, tentaba lembrar a letra dunha canción de Pablo Milanés ou un texto do Afasia de Cordal, pero nada diso me veu á cabeza, polo que dubidei se seguir adiante. Pero aló estaba, en plena faena, e non era momento de abandonar. Coido que a idea non era mala, o lugar o axeitado, o que fallaba, coma sempre, era unha terceira cousa.

Comentários