andas á procura?

Búsqueda personalizada

terça-feira, fevereiro 16, 2010

Saturno

Antes de regresar a casa, paso obrigado por Pontevedra, casualmente pola libraría Michelena, onde atopei un libro histórico, ou cando menos antigo e inusual. En 1989 a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Barakaldo, publicaba, polo día das Letras Galegas, un poema que Manuel María escribira aló polo 1982, Saturno, en edición bilingüe galego-euskera, homenaxeando a outro poeta, Xosé María Díaz Castro. Este libriño caeu hoxe nas miñas mans, e, case sen prezo aparente, dinlle un valor incalculable.
Apunto unhas palabras do propio Manuel María que se mostran no limiar: asko dira politika-idealen baten alde bizitza bera ematako gertu direnak, paisaiagatik edo Mirenek maite ez duelako eman beharrean.
Na procura da obra completa de Herberto Helder, atopei algo que me faltaba, Grimorio de Emma Pedreira, cun prólogo fermoso de Xavier Vásques Freire. E afondando aínda máis no andel, algo máis recente, Biografía de Multitude, de Elvira Riveiro e Silvia Penas.
Recuncando sempre na poesía, percorro épocas e lugares da miña vida, sempre importantes e significativos, reflectidos en sendas publicacións. Porque, sen permanecer afincado no pasado, recoñezo a súa importancia no proceso de madurez, se é que madurei algo nestes anos.

quarta-feira, fevereiro 10, 2010

Prosciens, o país fóra do país










O noso país representado nun dos máis innovadores nichos de mercado pertencente ao I+D. Dende O Espiño dun Ferrol en constante agonía, aló por comezos dos ’70, até o Luxemburgo actual. Edelmiro Momán, doutorado pola Universidade de Santiago de Compostela, andou medio mundo para poder desenvolverse profesionalmente na especialidade que mellor satisfacía as súas ansias de coñecemento. Hoxe en día, socio de Prosciens, unha empresa dedicada a elaborar modelos moleculares por medio dun software específico.

domingo, fevereiro 07, 2010

Ateísmo militante, materialismo dialéctico e socialismo científico


Seiscentos kilómetros máis vello, regreso a casa, e mentres poño a lavadora, ordeo un pouco o cuarto e recollo un chisco as distintas mesas de traballo, vou enviando as fotos do acto organizado pola Asociacion de Amizade Galego-Cubana "Francisco Villamil" o sábado en Vigo. Tiña perto o acto de Prolingua en Moaña e a tertulia sobre Afasia de Xabier Cordal. A musica de Silvio, Pablo Milanés, Carlos Puebla, Suso Vaamonde, acompañoume durante toda a fin de semana. De regreso, Lugo volvéuseme un chisco máis gris, trala perspectiva de perder de vista a tan grata compaña destes dous últimos días. Aínda non me afixen a este novo emprazamento, malia ser xa unha cidade ben coñecida. Tentei compoñer un poema ao saír de Teixeiro, cara o enlace coa autovía, e xurdíu algo que escribín no baño, unha vez na casa. Mentres o pasaba a papel, sentado no váter, tentaba lembrar a letra dunha canción de Pablo Milanés ou un texto do Afasia de Cordal, pero nada diso me veu á cabeza, polo que dubidei se seguir adiante. Pero aló estaba, en plena faena, e non era momento de abandonar. Coido que a idea non era mala, o lugar o axeitado, o que fallaba, coma sempre, era unha terceira cousa.