Unha cunca de Paladín

Volvín a casa, era noite xa. Un pouco de pan do xantar sobre a mesa e o Paladín sen gardar, dende o almorzo ás presas, que engulín sen apenas tempo para diluír o cacao no leite morno.
Neste momento non desexaría ir durmir, pero mañá toca un outro día de traballo. Apago a televisión, acesa como única compaña, pero de súpeto sinto a necesidade de escoitar algo, un outro son diverso do que chega da rúa, dalgún veciño constipado, que tuse repetidas veces para despois darse ao descanso desapacible que permite a conxestión. Benny Goodman, Andrews sisters, quen sabe? Un pouco de swing para non pensar na escuridade, na friaxe do exterior que busca entrar polas fendas que a soidade infire nas paredes. Glenn Miller, a quen odiara despois do desafortunado filme biográfico. Levo comigo a música até o cuarto. Non desexo apagar as luces e ficar a escuras en silencio. Quero pechar os ollos escoitando o eco do clarinete, unha trompeta... Aquel 'Sputerò sulle vostre trompe' que recordaba a un Boris Vian cuspindo sobre a trompeta dun Louis Armstrong que foxe.
En Lugoslavia nada é o que era. Tamén é certo que pasaron os anos.
Érgome a apagar a calefacción. Sinto a quentura dos pés por baixo da la da manta que me cubre. Lugoslavia non é o que era. Tampouco eu estou certo de ser o mesmo, malia que hai cousas que non cambian. Sempre cos mesmos medos, a loita constante contra o silencio.

Comentários