Sorte ou cabesiña


Un meu compañeiro de Faculdade, sempre me desexaba cabesiña antes dalgunha proba importante. Consideraba que a sorte debía ser só para os xogos do azar, e o traballo debía demostrarse co sentidiño propio de quen se procurou unha bagaxe da que tirar un resultado.
No aspecto político, o PSOE (nin socialista, nin obreiro) abala no bambán da sorte, pechando os ollos durante a caída e abríndoos con sorpresa unha vez que repousa no chan. Ás voltas co gasto social, un gasto que non fai máis que incidir na privatización dos sectores públicos, sen solventar ningún dos problemas acuciantes na sociedade actual. Sanidade desatendida, o ensino con carencias inmensas, e malia isto, convenios con colexios privados, fomento das aseguradoras, desgravación dos planos de pensións... e agora unha redución indirecta dos subsidios por xubilación. Porque o grave do globo sonda na revisión da Seguridade Social, non é o feito de que haxa que demorar o retiro até os 67, o que en ocasións non sería perxudicial para o ben estar da persoa, senón o feito de aumentar os anos que computan para o cálculo da pensión. Os media pertencentes ao réxime, aqueloutros que viran a dereita ou esquerda ou os que abertamente representan ao reaccionarismo español, aplauden a medida, anunciando o holocausto no que todos seremos vellos e miraremos de recuperar o cotizado. Centran a atención do debate nos aspectos máis fútiles, os máis importantes fican no plano oculto, agardando o momento de seren descubertos na cartilla de aforro, por un desconcertado pensionista.
Resulta ben certo que a bagaxe do PSOE correspóndese cunha clara inclinación cara o neoliberalismo. Deixa claro como, nos tempos dunha crise xerada polo grande capital, que soporta a maior parte das iniciativas impulsadas polas privatización dos sectores públicos, e nunha situación na que os cidadáns e cidadás miran de reducir o seu gasto, debido ás condicións de precariedade tanto laboral como salarial, obriga, a esa mesma cidadanía a aumentar o seu gasto contratando seguros para garantir un subsidio digno cando chegue o momento do repouso merecido. Aumentando, deste xeito, a incertidume económica e, como non podería ser doutro xeito, o beneficio das entidades de creto que auspician ditas contratacións. Operacións de baixo risco que deixan un efectivo nada desprezable nas súas arcas.
Unha vez máis, o problema de ser progre. O deber de xustificar á dereita, sen que se note demasiado. O que fai mover aos sociatas no enterno dilema, dereita ou esquerda? A viraxe errática fai que busquen máis o beneficio do azar que unha resposta clara ás cuestións que o goberno dun país crea.

Comentários