Rosa Enríquez e a Literatura Necesaria

Hai iso dun mes, chegaba ás librerías Unicrom, de Rosa Enríquez. Catalogada como literatura fantástica, de ciencia ficción ou como novela de anticipación, descobre un mundo tan real que fai que calquera destes calificativos fique como un erro de etiquetado.
Son moitas as ocasións nas que din en falar da que é para min a Literatura Necesaria, pero nunca dou en comezar polo principio, necesaria para quen? Ben, necesaria, en primeiro lugar, para o propio autor ou autora, que busca expresar, valéndose da ficción, as súas máis ocultas inquietudes, ou un período da súa propia existencia que é preciso que saia á luz. Nesta novela acontece todo iso, na miña opinión. Dende o comezo, é que Rosa nos vai dando as claves do que debería ser a súa propia historia. O feito de que Rosa (Asor) sexa o nome da protagonista é un signo indiscutible deste feito. Pero haberá máis. A historia de Rosa, deixa paso ás súas opinións persoais acerca do mundo que nos rodea, moi marcadas no texto, e que, en ocasións, resultan un chisco moralizantes, pero que dan consistencia ao libro, no sentido de que o van facendo máis próximo e familiar. O desacougo de ter algo que dicir e non saber como botalo fóra, disípase entre as páxinas desta novela.
Pero é necesaria tamén para o lector ou a lectora, que pode sentirse identificado en partes da historia real oculta baixo o manto da ficción. Lectores e lectoras vítimas das mesmas inquietudes e das mesmas dificultades para exteriorizalas.
Necesaria, para un sistema literario que debe abranguer todos os eidos, os formatos, os temas que a literatura pode proporcionar. Necesaria para unha lingua minorizada que precisa de lectores e lectoras, de resolver as súas necesidades, ocupando eses nichos menos explorados, e atraendo a curiosidade de quen, por razóns que non imos hoxe expoñer, non ten o costume de ler.
Necesaria, para o idioma, para a súa normalización dentro dunha sociedade que comumente confunde os valores realmente importantes, perdida en necesidades banais creadas por un sistema corrupto, tan só para fomentar a súa alienación.
Alén doutras consideracións, podo catalogar este volume dentro do meu elenco de libros pertencentes a esa Literatura Necesaria, enmarcada no sistema literario galego.

Comentários