andas á procura?

Búsqueda personalizada

quinta-feira, dezembro 31, 2009

Ana Cibeira


Hipnotizada escrebe
a marea que fuxe
tras semellante anxo

voz de afogada
en horizontal pura
diamando sen identificar
o prezo da escuridade

Ana Cibeira, que hoxe mesmo me informa da súa reseña en Foeminas (Revista Virtual de Xénero da Casa da Muller do Concello de Lugo).

Son anos os que nos separan daqueles inicios na Biblioteca Virtual Galega e, desgrazadamente, son anos tamén dende a última vez que coincidimos, nun acto poético na vila de Combarro.
Ana, coa que coñecín a obra de Miriam Reyes, sempre activa e activista, experimentando formatos pouco usuais da cultura, coa que explora a súa visión feminina, madurada cos anos.
Parabéns pola súa obra, intensísima.

domingo, dezembro 27, 2009

O nomadismo, síndrome ou solución

Destas crises que veñen de anos atrás, sácase unha situación, agora non desexo pensar se corrupta ou non, de nomadismo, dentro ou fóra das nosas fronteiras. É xa coñecido o argumento que asegura que os mozos e mozas, profesionais de calquera eido e nivel de formación, deben curtirse na precariedade para converterse en auténticas persoas de proveito.
Os/as que decidimos, nalgún momento de debilidade inocente, non emigrar, vémonos na obriga de aceptar traballos en distintas partes do país, para continuar enriquecendo a bagaxe nunha única vía, sempre relacionada coa nosa formación específica, e evitar ocupar postos completamente alleos a unha especialidade que levou anos de esforzo encamiñar.
Despois de anos percorrendo, residindo en distintas localidades da Galiza e o extranxeiro, toca recuncar en Lugo. Perdido entre a deslocalización, o apego a ningures e a absurda asunción de normalidade, na que dou en asumir que, para realizarme profesionalmente, debo prescindir dun único lugar de residencia, que debo coñecer estradas, corredoiras e congostras deste país como as liñas da miña propia man, para poder dicirme profesional.
Fronte esta necesidade asumida, que non real, como síntoma dunha enfermidade, que me obriga a cambiar de residencia, atópase a solución a un deses apartados da crise, das crises eternas, como é o desemprego.
Por outra banda, o que vai quedando atrás e os obxectos, os recordos e as persoas que un busca, por todos os medios, levar consigo, para sentir que aínda pertence a algures, a alguén.

quarta-feira, dezembro 16, 2009

Conservas


'Conservas' é o título da obra poética que saíu gañadora do Eusebio Lorenzo Baleirón deste ano. O concello de Dodro achegouse ao Morrazo para premiar a Daniel Costas.

quinta-feira, dezembro 03, 2009

Ortigas

Unha princesa é unha princesa porque ti lle dis así. Se ti lle dis eh ti, convértese en eh ti. Como te chamas? Princesa. Bo, claro. Neste caso é diferente. É como cando a alguén lle poñen Liberdade e logo átana cunha corda ao carriño en que levan ao seu irmán.

Xiana Arias. Ortigas




quarta-feira, dezembro 02, 2009

'Los perros románticos' e as posibilidades do Facebook


Para min, que só hai un par de anos que descubrín a poesía de Roberto Bolaño, a chegada dun libro en formato dixital dunha das súas obras é motivo de celebración. Por medio do facebook, ferramenta que se demostrou medio interesante de contacto entre persoas distantes e con intereses semellantes, chegoume o enlace da felicidade. Unha editora, Delirio, achéganos esta obra mestra da poesía, máis sinxela, máis intensa, máis real. Como a vida mesma.