a derrota e o valor pragmático de seguir camiñando

Cando toca, e ás veces acontece que na pugna diaria, segundo eses valores dos que deus sabe pouco (no canto de dicir 'que deus nos deu'), pero que unha minoría decidíu asumir como propios, toca recoñecer que saímos derrotados. Hoxe debín asumir a miña derrota, así o comuniquei a quen correspondía. Lonxe de aceptar a miña declaración, resgardouse por tras dunha defensa de palabras, como se eu andase á procura de culpables, lonxe de min mesmo, cando nin eu son culpable. As derrotas chegan, ben sexa en batallas singulares ou no final da guerra, como colofón a un tempo de contenda. Sexa como for, cómpre sempre non deixarse levar pola decepción e seguir camiñando. Eu sigo camiñando, coido que agora cunha seguridade real, coa que antes non contaba. Considero ese o valor de sabelo todo perdido. O canto peor mellor do consolo, da autosuxestión.
Diso falei tamén, sen querer u sen saber, o 25, cun e cunha poeta. Na literaruta témolo todo perdido. Sen lectores e lectoras, sen administración pública e afincados na comodidade de empresas privadas (editoras) nas que confiamos para crear un ben público que, pola máis elemental lei do capitalismo, élles imposible satisfacer. Nas linguas minorizadas, sobre todo nelas, a cultura non pode ser equiparable ao resto de actividades de lecer, non pode ser obxecto de mercado, xa que non maximiza o beneficio. Deste xeito, os grandes baleiros culturais dos que a empresa privada fuxe, deben ser, na miña opinión, cubertos polos/as propios /as autores/as. Iso quixen responder a unha pregunta sobre a autoedición.
Nestes tempos nos que Galiza é máis Bilingüe que nunca, nos que os cartos públicos deitánse polos camiños de cara ao Xacobeo, nos que Madrid é o noso referente, disque pola esquerda, neles cómpre reaxir da nada, creándonos a nós mesmos, reconvertindo as vellas estruturas se for necesario, con tal de non perdernos no desánimo.
Neste sentido, hai anos, dende aquela vez que un compañeiro me dixera que no local da Cig de Lugo había un par de vietnamitas, é dende aquela que sinto a necesidade de recuperar esa forma de edición, de comunicación. Por primaria, por elemental, sinxela e eficaz. Como aquel xornal que os antigos dadá de Berlín escribiran en letras brancas sobre fondo negro, para favorecer a súa difusión nun quiosco cheo de publicacións.
Cómpre, polo tanto, ser máis nós que nunca diante da adversidade.

Comentários