andas á procura?

Búsqueda personalizada

segunda-feira, julho 27, 2009

Chopok



visito as nubes, chegado ao ceo ollo en derredor. Desexaría poder ficar anos libando do sucre desas herbas, na quentura dun refuxio a 2000 metros, a kilómetros de todas partes, unha distancia inabranguible que me separa de todo o coñecido. O cumio do Chopok, nos Baixos Tatras. Un alto construído de morillóns (Vaccinium myrtillus), de camiños feitos de pedra e a pedra mesma termando do meu mundo todo. Desexaría que estiveses aquí Su Liz-hen ou a outra ti que non din en coñecer o suficiente. A ti que precisaría coñecer en pequenas doses como te coñezo xa, pero coa seguridade de saber que has estar e, sendo egoista, procurarte para min en cada refacho de vento que murmure o teu nome, en cada golpe da súa friaxe na pel espida.
Desexaría poder librarme de ti, prescindir. Foder con forza esta diglosia de saberme sempre minorizado, de que gañe sempre ese outro, dono das túas partes máis ocultas, carceleiro do meu desexo, da miña máis húmida ansia. Desexaría despedirme para ficar, para cuspir a favor do vento e nunca máis en contra, para ser eu de estar só, eu mesmo en compañía.

Um comentário:

Manuel L. Rodrigues disse...

tranquilo Alberte; o seguinte paso eche a bebedela (xa ben o dicía Li Po): "primeiro o amor, despois a montaña e finalmente o viño"