andas á procura?

Búsqueda personalizada

quarta-feira, julho 29, 2009

a derrota e o valor pragmático de seguir camiñando

Cando toca, e ás veces acontece que na pugna diaria, segundo eses valores dos que deus sabe pouco (no canto de dicir 'que deus nos deu'), pero que unha minoría decidíu asumir como propios, toca recoñecer que saímos derrotados. Hoxe debín asumir a miña derrota, así o comuniquei a quen correspondía. Lonxe de aceptar a miña declaración, resgardouse por tras dunha defensa de palabras, como se eu andase á procura de culpables, lonxe de min mesmo, cando nin eu son culpable. As derrotas chegan, ben sexa en batallas singulares ou no final da guerra, como colofón a un tempo de contenda. Sexa como for, cómpre sempre non deixarse levar pola decepción e seguir camiñando. Eu sigo camiñando, coido que agora cunha seguridade real, coa que antes non contaba. Considero ese o valor de sabelo todo perdido. O canto peor mellor do consolo, da autosuxestión.
Diso falei tamén, sen querer u sen saber, o 25, cun e cunha poeta. Na literaruta témolo todo perdido. Sen lectores e lectoras, sen administración pública e afincados na comodidade de empresas privadas (editoras) nas que confiamos para crear un ben público que, pola máis elemental lei do capitalismo, élles imposible satisfacer. Nas linguas minorizadas, sobre todo nelas, a cultura non pode ser equiparable ao resto de actividades de lecer, non pode ser obxecto de mercado, xa que non maximiza o beneficio. Deste xeito, os grandes baleiros culturais dos que a empresa privada fuxe, deben ser, na miña opinión, cubertos polos/as propios /as autores/as. Iso quixen responder a unha pregunta sobre a autoedición.
Nestes tempos nos que Galiza é máis Bilingüe que nunca, nos que os cartos públicos deitánse polos camiños de cara ao Xacobeo, nos que Madrid é o noso referente, disque pola esquerda, neles cómpre reaxir da nada, creándonos a nós mesmos, reconvertindo as vellas estruturas se for necesario, con tal de non perdernos no desánimo.
Neste sentido, hai anos, dende aquela vez que un compañeiro me dixera que no local da Cig de Lugo había un par de vietnamitas, é dende aquela que sinto a necesidade de recuperar esa forma de edición, de comunicación. Por primaria, por elemental, sinxela e eficaz. Como aquel xornal que os antigos dadá de Berlín escribiran en letras brancas sobre fondo negro, para favorecer a súa difusión nun quiosco cheo de publicacións.
Cómpre, polo tanto, ser máis nós que nunca diante da adversidade.

segunda-feira, julho 27, 2009

Chopok



visito as nubes, chegado ao ceo ollo en derredor. Desexaría poder ficar anos libando do sucre desas herbas, na quentura dun refuxio a 2000 metros, a kilómetros de todas partes, unha distancia inabranguible que me separa de todo o coñecido. O cumio do Chopok, nos Baixos Tatras. Un alto construído de morillóns (Vaccinium myrtillus), de camiños feitos de pedra e a pedra mesma termando do meu mundo todo. Desexaría que estiveses aquí Su Liz-hen ou a outra ti que non din en coñecer o suficiente. A ti que precisaría coñecer en pequenas doses como te coñezo xa, pero coa seguridade de saber que has estar e, sendo egoista, procurarte para min en cada refacho de vento que murmure o teu nome, en cada golpe da súa friaxe na pel espida.
Desexaría poder librarme de ti, prescindir. Foder con forza esta diglosia de saberme sempre minorizado, de que gañe sempre ese outro, dono das túas partes máis ocultas, carceleiro do meu desexo, da miña máis húmida ansia. Desexaría despedirme para ficar, para cuspir a favor do vento e nunca máis en contra, para ser eu de estar só, eu mesmo en compañía.

segunda-feira, julho 13, 2009

Touche pas



Prepárome para as vacacións. Malia que oficialmente xa estou nelas, teño aínda que deixar un par de cousas feitas antes da viaxe. Un pequeno curso sobre plantas aromáticas e medicinais, deixar a roupa de traballo limpa para o regreso dentro de quince días, trámites burocráticos solventados en forma e prazo... Nada pode quedar sen facer, doutro xeito, non vou ser quen de pensar noutra cousa durante todo o periplo.
Con todo, sabía, souben sempre, que había botar algo en falta cando comezase este breve receso. Asegurámonos que habería unha chamada, unha mensaxe para lembrarnos que seguíamos aí, malia as dificultades. Porque hai amizades que son así, case como unha dependencia, aínda cando non hai nada máis que iso, como se fose pouco. En ningún momento pensei que ese acordo implícito, esa ollada última asinando o compromiso, durase tan pouco. A eternidade de tres días e ningunha resposta. O peor, sempre as distancias que dende a proximidade non se ven, mais si se aprecian en canto se fan efectivas.

quinta-feira, julho 09, 2009

hoxe xiara


terça-feira, julho 07, 2009

Se Grace Slick fose de Trasmonte


Se Grace Slick fose de Trasmonte chamaríase Susana, xamais tería cantado con Great Society, nin formado parte de Jefferson Airplane, pero levaría moi dentro o sacrificio de ser muller abnegada, coa reveldía, como condición, a piques de estourar, reprimida por anos de ser sen participar de si mesma, en absoluto.
Fumaría en silencio, agardando o paso das horas, racionando sorrisos e camiñando insomne cara un destino anunciado.
Hoxe soñei coa Grace Slick de Trasmonte. Non puiden reprimir a necesidade de convidala a unha copa, sen data fixa, cando ela quixera. Sei que non ha querer nunca, pero con gusto mostraríalle a forza da súa independencia, da súa voz erguida sobre as multitudes asombradas.
Se cadra, non me tería fixado nunca na Grace Slick real, porque para min só existe a mácula, a dor que en Trasmonte forxou á eterna Grace Slick.

quinta-feira, julho 02, 2009

Na Revista das Letras do Galicia Hoxe



Hoxe, a Revista das Letras publica Principium Individuationis, unha obriña de teatro sobre ese principio, escrita para rir un pouco.