o subconsciente

É dende a adolescencia que lembro a sensación de presión que no abdome produce a acumulación de cervexa, a piques de estourar a vexiga. Eses momentos nos que un anda á procura dun lugar no que depositar tan molesta carga, camiñando coas pernas cruzadas e parcialmente inclinado cara adiante. Agradécense aqueles bares ou pubs que dispoñen dun lugar limpo e perfumado no que evacuar o fluído elemento. É xustamente o cheiro a ambientador, despois de anos frecuentando os mesmos lugares, o que un acaba relacionando cunha actividade concreta. Xa non a cor da plaqueta, ou a marca ou forma do urinario, senón o cheiro penetrante que permanece na pituitaria, unha vez que se abandona a casa de baño. É tanta a acción do subconsciente que, como cos cans de Paulov, un comeza a accionar o sistema nervioso central, tranquilizando os músculos e relaxiando os esfínteres unha volta que recoñece o cheiro do ambientador, independentemente da acción que estea a realizar nese momento.
Iso foi o que me aconteceu onte, antes da presentación da Crise no Gomes Gaioso. Case como nun ritual, achegueime ao pub irlandés que visito as veces que vou á Coruña, e dirixinme ao baño, co fin de desprenderme da carga que traía xa dende a saída da autoestrada. Non se pode dicir que estivera nervioso unha hora antes do comezo do acto, mais foi tal a acción do subcosnciente, que a modo de terapia, e despois de cheirar aquel aroma tan recoñecible polo meu cerebro, apaguei a luz do baño e pechei a porta tras de min cun sorriso inmenso nos beizos. Cunha expresión tal, que semellaba de artificio. Coido que xa sei a razón pola que vou sempre a ese lugar.

Comentários