Grupos de presión

Sempre dou en lembrar os tempos de Fraga, nos que se identificaba a todo nacionalismo, fóra por suposto do español, co terrorismo. Para soportar aquela tese, ademais da presenza constante nos medios dese argumento, dentro do Estado comezou a gañar protagonismo aquela utilización sensacionalista das asociacións de vítimas do terrorismo, que solicitaban, sen ningún pudor, auténticas barbaridades antidemocráticas amparándose no seu hipervisto sufrimento. Da súa conformación como auténtico grupo de presión, chegouse a ilegalizar toda forma de expresión que puxese en cuestión a estrutura do Estado.
A utilización destas organizacións non era casual, porque axudaba a materializar os desexos dun goberno nacionalista español que, por demócrata, non podía asumir determinados discursos fortemente radicalizados, pero que sucumbía fronte a unha suposta presión social.

Esa suposta creación de debate social, protagonizado por esas organizacións pantasma que existen só para servir de soporte á postura reaccionaria do goberno, na Galiza actualmente do señor Feijoó, e neutralizar as argumentacións da esquerda, que fican nun segundo plano supostamente en nome da tolerancia e a liberdade, non é máis que unha ferramenta minuciosamente orquestada dende a dereita, para confundir a unha poboación allea a todo debate e que se ve integrada nel, asumindo un papel importante e decantándose pola postura máis ruidosa, sinxelamente porque a reacción da ultradereita, en nome do sentido común, involúcraa e asúmea coa altisonancia da súa verborrea.

Comentários

Alfonso Láuzara disse…
Os cadáveres como mercadoría eleitoral. Así son as cousas e así lle-las contamos! hehe Lamentábel!!